A Casa do Concello acolleu esta maña a  aprobación  da declaración institucional  do Día internacional da muller  por parte  da alcaldesa, Beatriz Bascoy, o portavoz do Grupo Municipal do BNG, Magín Lago, e a portavoz do Grupo Municipal do PP, Maria Méndez,  que asinaron este texto como manifesto da vontade e do compromiso do Concello de Moeche na loita por unha sociedade igualitaria e no desenvolvemento no ámbito da súa competencia de medidas en prol da igualdade e da garantía dos dereitos das mulleres e dos menores, para conseguirmos unha sociedade xusta.  A aprobación desta declaración institucional  acompaña outras actividades como a campaña nas redes #asimprescindibles, cuxo froito se recollerá hoxe nas redes municipais,  a iluminación esta noite do Castelo  e o espectáculo Bravas, que terá lugar o vindeiro domingo no Centro Cultural Frco. Piñeiro

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL

Concello de Moeche, 8 de marzo de 2021

O 8 de marzo, día internacional da muller, reivindica e fai visible a loita das mulleres polos seus dereitos, participación e recoñecemento na sociedade e no seu desenvolvemento íntegro como persoa. Proposta herdeira de feministas como Clara Zetkin que en 1910 impulsaron tal data e que posteriormente foi institucionalizada polas Nacións Unidas en 1975. Neste ano 2021, Nacións Unidas escolleu o lema “Por un futuro igualitario no mundo da Covid-19″. Hai un ano que a pandemia interrompeu tan duramente nas nosas vidas. As mulleres desenvolven un papel fundamental na loita diaria contra o Covid; son as mulleres as principais coidadoras dos fogares, así tamén están amplamente representadas nos servizo SAF,  sociosanitarios,limpeza,supermercados, negociosde proximidade,no sector da saúde e un logo etcétera. É fundamental seguir apoiando a presenza das mulleres en todas as esferas da sociedade e traballar para derrubar calquera posible obstáculo que non nos leve cara a igualdade”.

As proclamas do movemento feminista galego do ano pasado baixo o lema “sen coidados non hai vida” seguen vixentes neste 2021. Resulta máis necesario ca nunca denunciar a precariedade e a pobreza das mulleres no traballo polo que este ano tamén reivindicará que se coloque no centro do debate os coidados e as consecuencias para as mulleres galegas do sistema económico, social e político no que vivimos, agravadas polo impacto da pandemia da covid-19.

É a nosa obriga, desde as institucións, traballar para eliminar calquera sistema de opresión e discriminación que afectan ás mulleres dentro desta sociedade, e desde o concello promovemos que o 8 de marzo as mulleres se poñan de pé e reivindiquen o seu papel indispensable para soster a sociedade.

Na medida en que todo o traballo remunerado e non remunerado é necesario para soster as nosas vidas é indispensable trasladar todo ese traballo de atención que se adapta principalmente ás mulleres fóra desa esfera privada; é dicir, que a responsabilidade do coidado e as tarefas domésticas debe ser socializada e que os homes e as institucións públicas deben asumir a responsabilidade directa. Alén do anterior a políticas de emprego deben garantir o acceso igualitario das mulleres ao mundo laboral, e asegurar iguais condicións e dereitos no exercicio do mesmo, poñendo especial atención naqueles sectores máis precarios, nos que ademais é maior a presenza feminina.

Por todo o anterior o Concello de Moeche reafirma o compromiso na loita por unha sociedade igualitaria e no desenvolvemento no ámbito da súa competencia de medidas en prol da igualdade e da garantía dos dereitos das mulleres e dos menores, para conseguirmos unha sociedade xusta e con ese obxectivo:

  • Convidar a toda a veciñanza e ás entidades asociativas municipais a que se adhiran a esta Declaración e sumámonos a todas as voces que reclaman a igualdade e a visibilización en todos os eidos da sociedade.
  • Reivindicar a necesidade de dotar ás entidades locais de medios e recursos suficientes para a axeitada atención nos Servizos de Axuda no Fogar.
  • Instar ás administracións competentes a traballar nas políticas que aseguren a igualdade real no ámbito laboral así como a asegurar o seu cumprimento.
  • Comprometer o apoio da Corporación ás reivindicacións das organizacións feministas galegas pola igualdade.

A Corporación do Concello de Moeche manifesta o seu firme compromiso no traballo pola igualdade real, e na loita contra a invisibilización e calquera forma de machismo.