O 8 de marzo, Día Internacional da Muller, é desde hai máis de 100 anos a data internacional de reivindicación das mulleres pola igualdade de dereitos. Como cada ano, queremos lembrar e reclamar a significación das múltiples loitas libradas a favor dos dereitos que historicamente lles foron usurpados ás mulleres. Loitas que, sen lugar a dúbida, contribuíron ao logro de enormes avances en diversas áreas da vida das mulleres e que non fosen posibles sen a contribución das asociacións de mulleres e do movemento feminista, mais, aínda hoxe, temos un longo camiño por percorrer na consecución da igualdade efectiva entre mulleres e homes, e por iso é imprescindible seguir reivindicando o día das mulleres.

Neste marco, desde as diferentes administracións, debemos traballar desde o diálogo para construír o marco normativo que posibilite dar un salto cualitativo en favor da igualdade e contra a violencia machista, adaptando a lexislación existente á realidade do século XXI e ás demandas do movemento feminista, con especial atención no fomento da corresponsabilidade.

Un ano máis as proclamas do movemento feminista galego seguen vixentes neste 2022, a precariedade e a pobreza das mulleres no traballo, unha maior taxa de paro, menor salario medio anual e todo isto agravado polas dificultades para a conciliación familiar e a falta de corresponsabilidade no ámbito doméstico e de coidados. Estas desigualdades intensificáronse como consecuencia da crise da Covid 19, e así o reflicten os datos publicados pola ONG Oxfam Intermón no seu informe As desigualdades matan – publicado en xaneiro deste ano co gallo do Foro Económico Mundial- .Este estudo evidenciou como a violencia económica se asaña coas mulleres , sendo unha das principais razóns do aumento da feminización da pobreza e como en cada nova vaga de contaxios se multiplica a carga de traballo non remunerado, unha responsabilidade que cae na maioría dos casos sobre as mulleres. En España, segundo datos do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, durante o primeiro trimestre de 2021, máis do 85% das persoas que deixaron o seu emprego de maneira temporal para coidar aos seus fillos ou fillas foron mulleres.

A Organización das Nacións Unidas escolleu o lema “Igualdade de xénero hoxe para un mañá sostible” para a edición 2022 do Día Internacional da Muller, co obxectivo de recoñecer a contribución das mulleres e das nenas de todo o mundo, que están liderando os esforzos ante o cambio climático para construir un futuro máis sostible. Lograr o desenvolvemento sostible e unha maior igualdade de xénero é esencial para seguir explorando oportunidades, como as limitacións, para permitir que as mulleres e as nenas teñan voz e participen en pe da igualdade na toma de decisións relacionadas co cambio climático.

Sen igualdade de xénero hoxe, o futuro sostible e igualitario seguirá estando fóra do noso alcance.

Os concellos, como Administración máis próxima á cidadanía, debemos traballar directamente coa veciñanza na construción dunha sociedade que visibilice, valore e comparta os traballos de coidado; na implicación dos homes na igualdade; na diminución da feminización da pobreza, en favor da liberdade sexual das mulleres e na educación como o instrumento máis efectivo para o cambio de valores na construción dunha vida libre para as mulleres en todos o eidos, para rematar con todo sistema de opresión e discriminación que afectan ás mulleres dentro desta sociedade.

Por todo o anterior, o Concello de Moeche reafirma o compromiso na loita por unha sociedade igualitaria e no desenvolvemento no ámbito da súa competencia de medidas en prol da igualdade e da garantía dos dereitos das mulleres e dos menores, para conseguirmos unha sociedade xusta e con ese obxectivo:

  • Convidar a toda a veciñanza e ás entidades asociativas municipais a que se adhiran a esta Declaración e sumámonos a todas as voces que reclaman a igualdade e a visibilización en todos os eidos da sociedade.
  • Reiterar a reivindicación da necesidade de dotar as entidades locais de medios e recursos suficientes para a axeitada atención nos Servizos de Axuda no Fogar, e calquera outra axuda enfocada a promoción da igualdade, o emprendemento feminino e a conciliación.
  • Instar ás administracións competentes a traballar en leis e políticas públicas de emprego, adaptadas á realidade actual, así como asegurar o seu cumprimento.
  • Comprometer a implicación da Corporación na sensibilización da veciñanza, promovendo campañas e programas de concienciación social.
  • Ofrecer o apoio da Corporación ás reivindicacións dos movementos das feministas galegas pola igualdade.

A Corporación do Concello de Moeche manifesta o seu firme compromiso no traballo pola igualdade real, contra a invisibilización e contra calquera forma de machismo.

Corporación municipal
Marzo, 2022