O programa de rutas xeolóxicas do Xeaoparque Cabo Ortegal xa está en marcha con máis de 60 saídas para os 16 tipos diferentes de xeorutas ofertadas nos sete concellos desde xullo a setembro. En Moeche dará comezo o vindeiro 22 de xullo, sábado, coa ruta á Mina Piquito, unha das xeorutas de maíor demanda. Todas elas permiten coñecer de forma atractiva a riqueza xeolóxica do territorio que conforma o Xeoparque Cabo Ortegal. Pódense consultar no enlace https://acortar.link/PUHZeX ou na web https://proxecto.xeoparquecaboortegal.gal/
A riqueza que agocha o territorio que comprende o Xeoparque Cabo Ortegal, figura internacional da UNESCO, busca favorecer o desenvolvemento socioeconómico e turístico dunha zona que, coma a nosa, ten un alto valor xeolóxico. En Moeche ofrécense un total de 10 rutas xeolóxicas da man de Francisco Canosa, doutor en Xeoloxia, Unha delas céntrase nas canteiras do toelo, outra nas explotacións de cobre – esta compartida co Concello de Cerdido, e 8 na Mina Piquito.
Ruta xeolóxica Mina Piquito
Esta ruta é unha visita ao interior da Mina Piquito, derradeiro xacemento subterráneo de cobre que se pechou en Galicia, aló polo ano 1969. Nesta antiga explotación mineira poderanse observar unhas excepcionais formacións de estalactitas e estalagmitas de cor azul, verde, branca, marrón e negra. As rochas que se poden observar nas galerías estiveron no fondo do mar hai aproximadamente 400 millóns de anos. Unha experiencia única que fai esta ruta moi atractiva.
Neste caso o grupo máximo para cada visita serán 10 persoas de máis de 11 anos. Os preparativos de seguridade e a visita guiada por Fran Canosa duran arredor de 2 horas O percorrido é curto e doado; a parte máis espectacular da ruta transcorre polas galerías da mina, que non están acondicionadas para persoas con mobilidade reducida. Aínda que na visita se utilizará luz artificial autónoma, hai que ter en conta que as características do xacemento non ofrecen condicións axeitadas para persoas con aprehensión aos espazos escuros e pechados.
Para realizar esta ruta é obrigatorio levar botas de auga e luz (frontal, lanterna convencional ou led). Non é necesario levar casco xa que o proporciona o Concello de Moeche.
Ruta xeolóxica do Toelo
Achegáremonos ao coñecemento dun dos materiais ornamentais máis exclusivos que temos en Galicia: as serpentinitas ou toelo. Estas rochas, cunha fermosa cor verde, foron obxecto de explotación dende o século XIX en numerosas canteiras do concello de Moeche. Algunhas destas explotacións e os produtos finais do seu traballo (cruceiros, linteis, hórreos, escaleiras, etc.) poderán visitarse e contemplarse nesta xeorruta. O trazado é de dificultade baixa sobre unha distancia duns 3 quilómetros que se fan en arredor de dúas horas e media seguindo as explicacións do xeólogo Fran Canosa. Ofértase un máximo de 20 prazas en cada unha delas.
Ruta xeolóxica do Cobre
Nesta ruta xeolóxica, na que colaboran o Concello de Moeche e o Concello de Cerdido, visitanse as principais instalacións das antigas minas de cobre. Unha intensa actividade mineira que rematou arredor do ano 1969. Unha antiga cheminea de calcinación, unha pranta de tratamento químico, as balsas de estériles ou as entulleiras serán os principais puntos de visita polos que discorrerá esta ruta, que ten por objectivo coñecer de primeira man como se traballou nestas minas, qué minerais se obtiveron delas, así coma a xeoloxía dos materiais presentes nesta zona.
O percorrido ten unha dificultade baixa, aínda que é aconsellable levar un calzado cómodo. O desprazamento entre as distintas paradas realizarase en coches particulares. Hai un máximo de 20 prazas dispoñibles.
Calendario rutas xeolóxicas en Moeche
Xullo
• Día 22 10:00 a 11:50/12:10 a 14:00 — XeoRuta Mina Piquito
• Día 27 16:30 a 18:20/18:40 a 20:30 – XeoRuta Mina Piquito
• Día 29 10:00 a 14:00 — XeoRuta do Toelo
Agosto
• Día 15 10:00 a 11:50/ 12:10 a 14:00 — XeoRuta Mina Piquito.
16:30 a 19:30 — XeoRuta do cobre
• Día 26 16:30 a 18:20/ 18:40 a 20:30 — XeoRuta Mina Piquito
Todas as rutas xeolóxicas teñen un prezo de 10€ .
Preme nestes enlace para Información e inscrición:
Últimos comentarios