Este sábado 18 de xuño a partir das 19:00h a zona de San Ramón acollerá a sétima edición da carreira popular. Os percorridos para a rapazada desenvolveranse unicamente pola zona da feira e as rúas principais do centro urbano, mentres que proba absoluta, de 6,7 quilómetros de distancia, chegará até a Casabranca polo leste e á Corveira polo oeste. En calquera caso, o Concello contará con persoal de voluntariado e de Protección Civil para colaborar na organización e tamén no dispositivo de tráfico, que obrigará a cortar a circulación entre as 18:30 e as 21:30h. Antes desa hora poderá accederse aos aparcamentos de  Cristo do Rañal e do centro urbano, aínda que se recomenda deixar os coches fóra do circuíto, é dicir, na estrada da Feira e ao longo da Avenida 23 de Abril. No recinto feiral estará prohibido aparcar.

A VII Carreira Popular Concello de Moeche ten abertas as inscricións até xusto antes da medianoite deste xoves para venres. No momento de preparar esta información xa ían anotadas máis de 160 persoas, na súa maioría para a carreira absoluta.

A cita conta con probas adaptadas a todas as idades, desde os 75 m. que deberán correr os nenos e nenas máis pequenas -a categoría Pitufos- ata os 6,7 Km. da proba absoluta, na que se encadran as categorías Senior e Veteráns A e B.  O límite de participantes fixouse, por razóns organizativas, en 350. Quen aínda non se apuntase pode facelo a través da web www.galitiming.com. É gratis para as persoas menores de idade, mentres que para o resto o custe serán 5€.

popular comezará ás 19.00h. dándolle a saída á categoría de Pitufos -rapazada nada en 2017, 2018 ou 2019-, que só deberán percorrer dun tirón 75 metros en paralelo á Nave do Mercado, lugar no que estará situada a saída e chegada para todas as probas. Dez minutos despois o asubío soará para Prebenxamíns femininos e masculinos -anos 2015 e 2016-, neste caso sobre unha distancia de 200 metros. A da categoría Benxamín -anos 2013 e 2014- arrancará ás 19:20h para cubrir medio quilómetro de distancia por parte do centro urbano.

Tralas carreiras das nenas e nenos máis pequenos, ás 19:30h daráselle a saída conxunta ás probas Alevín, Infantil e Cadetes. A categoría de menor idade (anos 2011 e 2012) completará un circuíto de 1.000 metros, o mesmo que a Infantil (2009-2010), mentres que as rapazas e rapaces cadetes (nados de 2005 a 2008) terán que darlle dúas voltas a ese trazado -2 Km.- antes de cruzar a meta.

Se todo vai sobre o previsto, carreira absoluta dará comezo ás 20:00h. englobando as categorías Veterán B -1972 e anos anteriores-, Veterán A -de 1982 a 1973- e Senior, onde se xuntarán participantes femininas e masculinos nacidos entre os anos 1983 e 2.004. Nese caso a distancia serán 6.700 metros, facendo un grande circuíto que discorrerá pola capital municipal e que chegará até a Casabranca por un lado e ata o lugar da Corveira polo outro. O trazado é case todo asfaltado, aínda que tamén haberá algúns tramos de terra e herba.

carreira ten como finalidade promocionar o deporte e un estilo de vida saudable. Non haberá premios en metálico, pero si  trofeos e queixo de Moeche para quen chegue antes á meta en cada categoría, agás nas probas das nenas e nenos máis pequeniños, que levarán todos cadansúa medalla.

A organización da VII Carreira popular Concello de Moeche conta coa colaboración da Deputación da CoruñaProtección CivilLácteos MoecheSupermercado O CruceSupermercado A Tendiña MoecheA Tenda de Iria e a clínica de fisioterapia Fisioche-Ben, ademais da axuda de varias entidades veciñais.

Corte da circulación
O plan de tráfico sinala que a circulación estará cortada entre as 18:30 e as 21:30h. Haberá persoal voluntario en cada cruzamento, coa finalidade de facilitarlles o percorrido ás corredoras e corredores, pero tamén para evitar que poida entrar no circuíto algún vehículo despistado.

Os eixos afectados polos cortes son o interior do recinto feiral, Cristo do Rañal desde preto do campo de fútbol até a capela de San Ramón -tamén parte da estrada paralela-, os tramos máis próximos ao centro urbano da estrada da Feira e da Avenida 23 de Abril e o eixo que enlaza a Corveira coa estrada que baixa a San Xoán.

Desde o Concello prégase que se utilicen como estacionamentos as beiravías das rúas municipais que conectan coa estrada de Ortigueira -diante do CEIP San Ramón e a Avendida e 23 de abril- e, de chegar con tempo, tamén se poderá aproveitar para deixar o coche nunha das marxes de Cristo do Rañal. Recórdase que non se poderá aparcar dentro do recinto feiral de San Ramón.