O Concello de Moeche actualiza todos os anos por estas datas as listas de contratación temporal dos postos de condutor/a-operario/a e de peón de obras e servizos municipais. A finalidade desta actualización é  incorporar á bolsa máis aspirantes que cumpran os requisitos e de facilitarlles ás persoas que xa forman parte delas a posibilidade de mellorar a súa puntuación con cursos que teñan feitos ou outros méritos. As bolsas de emprego son iso, un listado do que o Concello pode botar man para cubrir, por exemplo, baixas laborais ou vacacións. A quenda de actualización deste 2021 abrirá este xoves 15 de xaneiro e as persoas interesadas en botar a súa instancia terán de prazo até o día 14 de febreiro. O trámite pode facerse presencialmente no Concello ou ben a través da Sede Electrónica.  

As bases polas que se rexe este proceso de actualización das bolsas non varían de ano en ano desde que se publicaron no Boletín Oficial da Provincia do 4 de abril de 2017. Alí aparecen tanto os requisitos xerais como os particulares que se han de cumprir para acceder a cada unha das dúas bolsas.

Nos dous casos estipúlase que fará falla ter nacionalidade española ou dalgún Estado membro da UE, ou ben contar con residencia legal en España. Por outra banda tamén é necesario ter feitos polo menos 16 anos de idade, dispor da titulación esixida para cada posto e non atoparse nunha situación de enfermidade ou eiva física que impida o normal desempeño do traballo. Neste sentido, nas solicitudes é preciso facer constar se se conta con algún grao de discapacidade.

Outro requisito imprescindible é non encontrarse en ningunha causa legal de incapacidade ou incompatibilidade nin tampouco constar expedientes disciplinarios ou de inhabilitación para o exercicio de funcións nas administracións públicas.

Ademais destes, no caso da praza de condutor/a operaria/o hai que ter o título da ESO ou equivalente, estar en posesión do CELGA 3, contar con permiso de conducir C e dispor do certificado de aptitude profesional (CAP). Para a lista de contratación de peonaxe de obras e servizos abonda con ter o título de graduado escolar ou equivalente, ter o CELGA 2 e o permiso de conducir B.

Todos estes requisitos -reflectidos nas bases xerais publicadas en 2017- hai que cumprilos tanto no momento de presentar as solicitudes como despois, no intre en que se chame a calquera aspirante para traballar. Por iso, xunto co modelo de formulario que aparece no BOP tamén se deben presentar fotocopias compulsadas de toda a documentación acreditativa que se esixe, así como dos méritos que se desexen engadir para incrementar a puntuación. Unha vez finalizado o prazo de presentación das instancias haberá tres días para presentar alegacións.

A comisión cualificadora avaliará as solicitudes admitidas e asignará un máximo de 1 punto por cada curso con recoñecemento oficial relacionado co posto, 2 puntos máis por ter título técnico medio -tamén relacionado co posto- e ata 0,20 puntos por mes traballado en funcións similares na Administración local (0,10 puntos se é noutra administración e 0,05 se é na empresa privada). Por último, contar coa acreditación de coñecemento do galego CELGA 4 ou equivalente validado oficialmente tamén suporá 1 punto. Cando todo o proceso de avaliación estea completado o listado elevarase a definitivo manténdose en vigor ata o ano seguinte.

O Concello de Moeche tirará da bolsa de emprego para facer contratacións temporais para postos que estean vacantes ou para nomeamentos interinos en substitución de persoal con dereito a reserva do posto por motivo dunha incapacidade temporal, unha baixa por maternidade, vacacións, permisos, etc.

Quen formen parte da bolsa manterán sempre a mesma posición segundo a puntuación acadada, é dicir, as listas non son rotatorias senón que ao remate dun contrato volverase ao mesmo lugar na orde de prelación para futuros chamamentos, a menos que se produza un decaemento por renuncia, por non presentarse a un contrato sen un motivo xustificado ou por non querer seguir traballando.

O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto entre o 15 de xaneiro e o 14 de febreiro. O modelo de instancia para novas incorporacións ou para actualización de méritos figura como anexo nas bases publicadas no BOP. A presentación tanto dos formularios como da documentación acreditativa pode facerse de maneira presencial nas oficinas municipais ou por medio dunha solicitude xenérica na Sede Electrónica. A nova lista publicarase no taboleiro de edictos do Concello e tamén na web municipal.