Todas e todos somos parte activa no desenvolvemento do noso concello como territorio e todas e todos temos ideas para melloralo día a día. Con esa filosofía naceron hai varios anos as asembleas participativas, que se viron interrompidas polas restricións da pandemia. A nova normalidade permite recuperar desde este ano o seu formato habitual de encontros veciñais nas distintas parroquias onde se fala da situación do territorio e se formulan propostas que despois -se son asumibles- o Concello busca a maneira de facer realidade. Neste sentido, o Concello de Moeche programou para esta semana as xuntanzas nas distintas parroquias, que arrancan hoxe mesmo no local social de Abade. Todas as asembleas celebraranse ás 19:30h.
As xuntanzas teñen por obxectivo favorecer a participación veciñal na toma de decisións sobre múltiples cuestións e, principalmente, recoller ideas sobre programas e investimentos que poidan contribuír a mellorar a calidade de vida no municipio. Os encontros son na práctica “un foro de debate para coñecer de primeira man necesidades das parroquias expresadas polas súas veciñas e veciños, que nuns casos xa as temos identificadas e noutros son actuacións ou melloras que a xente considera prioritarias e que a nós, como Concello, nos corresponde valorar e executar se son viables e somos capaces de xerar recursos para darlles resposta”, comenta Beatriz Bascoy.
O programa de asembleas veciñais vai desenvolverse entre o 24 e o 28 de outubro con encontros ás 19:30h nos seguintes lugares:
- Luns 24 de outubro, local social de Abade
- Martes 25 de outubro, antigo local electoral de Santa Cruz
- Mércores 26 de outubro, local social do Pereiro (San Xurxo)
- Xoves 27 de outubro, Casa do Concello (San Xoán)
- Venres 28 de outubro, local social do Ventoeiro (Labacengos)
A alcaldesa destaca “a boa resposta” das veciñas e veciños de Moeche á hora de “facer propostas realizables” que en boa medida xa se foron incorporando aos sucesivos orzamentos municipais e executando nos últimos anos. “Do que máis se fala, polo xeral, é de servizos básicos como auga e saneamento ou a mellora de pistas, aínda que nas asembleas tamén se abordan outros temas máis relacionados con servizos asistenciais, programacións de lecer para a xente maior e a mocidade, e o apoio á veciñanza en cuestións que lle preocupan, aínda que non sexan de competencia municipal, como foi o caso do servizo de Pediatría”, apunta a rexedora engadindo que para o Goberno local as asembleas participativas “son unha ferramenta imprescindible” de cara a deseñar as políticas municipais “contando coa xente”.
Últimos comentarios