A alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, reuniuse este martes na Coruña co delegado territorial da Consellaría de Eduación, Indalecio Cabana, para tratar diversas melloras que precisa o CEIP San Ramón, aínda que o principal tema abordado na xuntanza foi a demanda da ANPA, do Concello e do equipo directivo do centro de que se desdobre o curso de Infantil a partir de setembro. O representante da Xunta de Galicia rexeitou a petición da comunidade educativa, que estaba sustentada na presenza dun neno con necesidades especiais, na separación preventiva que se deberá gardar pola COVID-19 e tamén na mellora que suporía para as condicións do ensino poder baixar a ratio de alumnado por aula.  A alcaldesa denuncia que, de non haber cambio de postura, no curso que vén convivirán nunha aula de 44,5 metros un total de 20 persoas: 18 alumnos e alumnas, unha docente e, posiblemente, outra de reforzo para o caso con necesidades especiais. É dicir, pouco máis de dous metros cadrados por persoa “cando para estar no parque ou nunha praia se nos pide que, como mínimo, haxa unha separación de tres metros cadrados por persoa”.

A xuntanza solicitada polo Concello responde á necesidade de exporlle á consellaría distintas obras de mellora que precisan as instalacións e que son demandadas pola comunidade educativa. Non son novas, senón que xa lle foron trasladadas á Xunta nunha ocasión anterior “e aínda seguen pendentes”, lamenta a alcaldesa.

En concreto falouse da substitución dos radiadores e do sistema de calefacción por causa da súa antigüidade e da súa escasa eficiencia enerxética, que se traduce en avarías frecuentes e nun gasto elevado en combustible. Tamén se volveu falar da posibilidade de pechar o soportal do edificio para evitar a perda de calor nas entradas e saídas da rapazada, coa engádega de que así mellorarían as condicións en que agardan nos días de auga e vento. Neste apartado da xuntanza relativo ás instalacións recordóuselle ao delegado territorial e ao xefe provincial de inspección -tamén presente no encontro- a urxencia de substituír as tubaxes nos baños, así como a vella demanda de que se cambie toda a cuberta de uralita por unha nova libre de amianto.

“O delegado comprometeuse a enviar nas próximas semanas persoal técnico que faga unha valoración do que se poderá facer antes do comezo do curso, pero nunha reunión anterior xa adiantara que a calefacción e a cuberta do centro non están entre as previsións inmediatas da Xunta”, explica Beatriz Bascoy.

Negativa a desdobrar o curso de 3 a 5 anos
O asunto forte da reunión foi a demanda de que se distribúa en dúas aulas o alumnado de Educación Infantil. Trátase dunha petición subscrita polos pais e nais e pola Dirección da escola que, ademais, foi ratificada en Pleno recentemente coa encomenda ao Concello de que lle dese traslado á Xunta da situación.

De cara ao curso 2020/21 o CEIP San Ramón rexistrou 18 matrículas, aínda que nun principio o aplicativo informático do centro contabilizou  por erro un total de 19. “Con ese número a Xunta si aceptaba desdobrar o curso, e así nolo comunicou por teléfono hai tan só dúas semanas, pero tan pronto descubriron o fallo volvéronse atrás e agora dinnos que non se pode repartir Infantil en dúas aulas, sen máis argumento e sen atender as circunstancias excepcionais en que nos encontramos”.

Para a comunidade educativa e o Concello existen razóns de peso que recomendan o desdobramento. A primeira é que se trata de nenas e nenos de 3, 4 e 5 anos ”que requiren unha atención permanente”. A segunda vén dada polo feito de que no curso que arrancará en setembro haberá un caso con necesidades educativas especiais “para o que a Consellaría valora pero non confirma a posibilidade dun mestre ou mestra de reforzo durante certas horas que tampouco cuantifica, mentres que nun curso desdobrado en dúas aulas, unha delas con 7 alumnos, podería ser atendido sen maiores complicacións e evolucionando ao longo do ano de par dos demais nenos e nenas”.

Porén, tal e como asegura a alcaldesa, “hai máis motivos para o desdobramento” e entre eles sinala o precedente dos anos académicos 2015-16 e 2016-17 “cando o curso se dividiu en dúas aulas habendo un total de 16 alumnos”. Bascoy recorda neste sentido que “desde 2009 tamén hai un acordo entre a Xunta e sindicatos que permite facer desdobramentos a partir das 14 nenas e nenos”.

Para o Goberno local aínda existiría outra razón máis: a prevención da COVID-19 que aconsella gardar a distancia interpersoal como unha das principais barreiras de posibles contaxios, “algo difícil con nenas e nenos tan pequeniños e máis aínda se están todos na mesma aula”. A rexedora critica a “dobre vara de medir da Xunta”, que por un lado recomenda 3 metros cadrados de espazo por persoa en parques e praias e que, en cambio, “non ten reparos en xuntar 20 persoas nunha aula de pouco máis de 44 metros cadrados”.

Beatriz Bascoy cualificou a xuntanza mantida con Indalecio Cabana como un encontro “tenso e pouco receptivo por parte da consellaría no tocante ao desdobramento, a pesar de que é unha demanda que ten todo o sentido e que está avalada por todos e todas en Moeche co apoio unánime da corporación municipal”. Malia a negativa do representante da consellaría a alcaldesa insta á Xunta a que “recapacite e cambie a súa postura. Falamos de rapazada e de educación, non de números”.

Adecentamento no patio e pequenas reparacións
O Concello comezará este mesmo xoves os labores de mantemento que se desenvolven habitualmente durante o verán. Está previsto retirar a vexetación das áreas de xogos, facer unha sega e unha limpeza xeral dos espazos ao aire libre e, no interior, levar a cabo pequenas reparacións en portas e mobiliario. No listado de preparativos tamén se contempla repasar a pintura en varias aulas e revisar o estado de tobogáns e outros enredos.