O antigo local electoral de Santa Cruz acollerá este mércores 8 de xaneiro a primeira das asembleas veciñais programadas polo Concello para recoller achegas que axuden a mellorar o territorio. As cinco xuntanzas que se van celebrar están todas programadas para as 19.30h. e nelas falarase tanto dos proxectos en marcha como daqueles que os veciños e veciñas consideran necesarios en cada parroquia e que serían susceptibles de incorporarse nos orzamentos municipais, xa sexa para levalos a cabo con recursos propios ou encadrados en programas doutras administracións. 

O calendario programado pola área de Participación irá cumpríndose entre esta semana e a que vén. A primeira parada da rolda é a de hoxe en Santa Cruz, mañá xoves tócalle a Abade -CC Francisco Piñeiro-, o venres será a quenda de San Xurxo -local social do Pereiro-, o martes 14 de xaneiro o encontro correspondente a San Xoán terá lugar na Casa do Concello e o itinerario pecharase na nave do Ventoeiro, en Labacengos, o próximo mércores día 15 de xaneiro.

A idea principal das asembleas veciñais é que todas e todos os residentes en Moeche poidan participar con propostas e ideas sobre as que traballar desde o Concello que, en todo caso, han de contribuír en maior ou menor medida ao desenvolvemento territorial. E aí ten cabida practicamente todo: actuacións na rede viaria, melloras en servizos básicos e asistenciais e en xeral calquera iniciativa que se considere beneficiosa para todo o municipio ou para unha zona concreta.

Por outra banda, as xuntanzas son tamén un foro no que o executivo local informa da súa xestión e do grao de execución de proxectos solicitados pola veciñanza ou impulsados polo grupo de goberno.  Ademais, as asembleas funcionan como punto de encontro e debate sobre moitas outras cuestións que dun xeito ou doutro lle afectan a toda a poboación, aínda que non dependan directamente do Concello, como por exemplo os problemas do tren, a mellora das comunicacións ou a situación da atención sanitaria. Asuntos importantes que o Concello debe asumir como propios para trasladarllos ás Administracións responsables.

Desde a Concellaría de Participación Veciñal pídese a máxima participación nas xuntanzas que se celebrarán desde hoxe ata o mércores da semana que vén. Todas elas empezan ás 19.30h. Recordemos unha vez máis os días e lugares:

  • Santa Cruz – mércores 8 de xaneiro, antigo local electoral
  • Abade – xoves 9 de xaneiro, Centro Cultural Francisco Piñeiro
  • San Xurxo – venres 10 de xaneiro, local social O Pereiro
  • San Xoán – martes 14 de xaneiro, Casa do Concello
  • Labacengos – mércores 15 de xaneiro, nave do Ventoeiro