O Concello prosegue co seu programa anual de mellora das infraestruturas básicas co comezo nestes días das obras de conexión á rede sanitaria municipal dunha decena de vivendas do lugar do Retorno, en Santa Cruz. Os traballos están sendo executados por Construcciones Saavedra y López, quen xa fixo acopio dos materiais necesarios e iniciou as escavacións para estender as canalizacións. O importe do proxecto ascende a 23.990 euros, ive incluído, financiados con recursos propios.
Na zona do Retorno xa había instaladas tubaxes que, porén, non chegaban ás vivendas máis altas deste núcleo de poboación de Santa Cruz. Esa foi a razón de que se deseñase un un proxecto que contempla soterrar un ramal principal para conectar a zona de Soomonte coa rede existente e, por outra banda, tirar dúas canalizacións secundarias que completen o circuito de evacuación de augas fecais.
En total van colocarse máis de medio quilómetro de colectores de PVC cun diámetro de 315 mm, conectados entre si mediante dous pozos de rexistro que aseguren o seu correcto funcionamento e que permitan, de ser o caso, desatoar as conducións sen ter que picar o chan.
Ao remate das actuacións restablecerase o terreo por onde vaian as canalizacións -que discorrerán maioritariamente por debaixo das cunetas- e tamén se repararán os puntos de pista afectados pola obra, un situado na cabeceira e outro na parte baixa do camiño asfaltado.
Desta nova infraestrutura beneficiaranse de inmediato 10 domicilios e, ademais, tamén aqueles que poidan construírse no futuro en parcelas edificables. Se non hai imprevistos, os traballos poderían quedar listos en pouco máis dun mes.
Últimos comentarios