Os comezos de ano son época habitual de facer balance sobre como foi o exercicio anterior e, de paso, mirar en perspectiva a evolución desde anos atrás. Algo para o que se prestan especialmente os datos relativos á recollida de lixo, como indicadores do compromiso da veciñanza coa reciclaxe. E en Moeche parece que estamos facendo as cousas ben: desde 2014 multiplicamos por dous a cantidade de cartón e papel recollido -incluso pasamos algo do dobre- e, ademais, todo apunta a que os datos aínda non pechados sobre a recollida de vidro en 2018 seguirán a tendencia sostida entre 2015 e 2017, período no que Moeche pasou de algo máis de 15 toneladas a estar cerca das 50.

Desde o departamento de Medio Ambiente apuntan  que o incremento na recollida de papel e cartón se debe a unha maior concienciación ambiental da xente, pero tamén ao feito de que se aumentaron o número de colectores para este tipo de refugallos. Nos tres últimos anos instaláronse sete depósitos novos “en zonas de maior uso, como os supermercados ou negocios, pero tamén nas parroquias de Santa Cruz e Labacengos, que carecían deles”, explica o responsable da área, Miguel Pedreira.

Os datos falan por si: en 2014 reciclábanse 7.900 quilos e ao peche de 2018 a cifra situouse nos 16.737. “E a isto hai que sumarlle que desde hai tres anos a recollida do papel e do cartón nos sae gratis, co que aforramos os máis de 3.000 euros que se estaban pagando ata ese momento”.

O concelleiro sinala que aínda non se dispón de todos os datos sobre a recollida de vidro ao longo do ano que acaba de finalizar, aínda que confía en que se confirme a evolución vista en 2015, 2016 e 2017. Neses tres anos o cambio foi aínda máis notable que no caso do cartón, xa que se pasou de 14.790 a 47.417 quilos depositados nos iglús verdes, que tamén aumentaron o seu número e distribución polo territorio.

O aumento estatístico na recollida de vidro e cartón ten  outras implicacións máis aló das cuantitativas e ambientais. E é que facer as cousas ben -separando en orixe e botando cada resto no colector que corresponde- supón unha redución no lixo que se manda a SOGAMA, ao tempo que se baixa a posibilidade de que nel vaian residuos impropios que penalicen a factura a fin de mes. Neste sentido, Moeche conseguiu reducir nun 13,8% o gasto neste apartado: en 2014 pagáronselle a SOGAMA 30.126 euros polo tratamento e catro anos despois o custe foi de 25.973,53.

“Son bos datos nos que aínda hai marxe de mellora, pero indícannos que en Moeche imos por bo camiño en canto á redución e reciclaxe de lixo”, comenta Pedreira. O concelleiro destaca o “compromiso veciñal co ambiente”, apoiado polo Concello con campañas divulgativas sobre a separación -como por exemplo “Moeche en Verde”- e coa posta en marcha en 2015 do servizo de recollida de voluminosos en colaboración con San Sadurniño.