A atención informativa estivo enfocada este mediodía na comparecencia en que o Presidente da Xunta anunciou as restricións aínda maiores que se aplicarán en toda Galicia desde a medianoite deste martes para mércores. Seguindo as recomendacións do Comité clínico, a Administración autonómica subirá todos os municipios ao nivel extremo de restricións, de maneira que todos os concellos quedarán con peches perimetrais individuais. Alberto Núñez Feijoo tamén anunciou que os grupos en espazos públicos e privados só poderán estar formados por persoas conviventes -agás por motivos laborais ou de coidado doutras persoas- e que, desde este mércores, a hostalaría só poderá atender o reparto a domicilio ou as entregas para levar. Por outra banda, o comercio deberá baixar a persiana ás 18.00h., agás nas actividades consideradas como esenciais, como serían supermercados, ultramarinos, farmacias e talleres de vehículos, entre outras, que poderán seguir abertas até o seu horario de peche sen sobrepasar en ningún caso as 21.30h. Estas e outras medidas han saír publicadas mañá martes no Diario Oficial de Galicia para entrar en vigor na madrugada do mércores. Manteranse durante as próximas tres semanas co obxectivo de reverter unha situación “moi grave” que ameaza con incrementar o custe en vidas humanas e con saturar os hospitais, xa nunha situación límite. Hoxe o SERGAS contabilizaba 19.768 casos activos e 993 persoas hospitalizadas, 161 delas en UCI, e as previsións, segundo Feijoo, “apuntan a un incremento nas próximas semanas” a menos que se logre aplanar a curva. Segundo datos facilitados pola Xerencia da Área Sanitaria, a media mañá de hoxe en Moeche había 60 casos activos, 11 máis que na xornada de onte, polo que desde o Concello se segue insistindo en que se cumpran todas as medidas de prevención individuais e tamén todas as restricións, tanto as que están  vixentes arestora como as que serán de aplicación entre o 27 de xaneiro e o 17 de febreiro. Ademais, o Goberno local agarda que desde o SERGAS se atenda a petición formulada hai uns días para efectuar un cribado masivo no noso municipio que detecte o maior número posible de positivos. A Dirección Xeral de Saúde Pública comunicou que, de momento, a petición só “será tida en conta á hora de priorizar os cribados”, pero non confirmou se finalmente se van levar a cabo. 

Feijoo deixou moi claro este mediodía que situación sanitaria en Galicia é “moi grave” e que “quedan por pasar momentos moi duros”, posto que as medidas adoptadas hai dúas semanas “non se traduciron nunha mellora sustancial” en canto á redución dos contaxios. A día de hoxe hai en Galicia 19.768 casos activos, 993 persoas hospitalizadas e 161 persoas ingresadas en UCI. Unha cifra que levou ao Comité clínico da Xunta a recomendar que se incrementase o nivel de restricións para “salvagardar vidas e diminuir a presión hospitalaria” mentres non empeza a surtir efecto o proceso de vacinación.
As restricións anunciadas pola Xunta -que se publicarán mañá no DOG- entrarán en vigor na medianoite do martes para o mércores e manteranse durante as próximas tres semanas, polo menos até o Mércores de Cinsa. A enumeración de limitacións feita polo presidente comezou polo anuncio de que todos os municipios de Galicia pasan ao nivel extremo de restricións e quedarán con peches perimetrais que só se poderán saltar polas razóns xa sabidas, é dicir, por motivos laborais, sanitarios, administrativos, educativos ou de coidado de persoas maiores ou menores.
Tamén se mantén o toque de queda entre as 22.00 e as 06.00h., salvo nos casos autorizados na normativa preventiva da COVID-19, mentres non cambie o marco estatal que non permite adiantar a recollida ás 20.00h., tal e como está demandando agora a Xunta.
As restricións á mobilidade increméntanse, ademais, prohibindo os grupos de persoas non conviventes en espazos públicos e privados. A posibilidade de que se xunten persoas que non vivan no mesmo domicilio queda reducida exclusivamente a circunstancias laborais ou de coidado doutras persoas, segundo informou Alberto Núñez Feijoo na rolda de prensa ofrecida hoxe pouco despois das dúas da tarde.
Na comparecencia tamén se informou do peche da hostalaría a partir deste mércores -incluído-, que só poderá ofrecer o servizo de recollida ou entrega a domicilio, pero non atender ao público no interior ou nas terrazas. Ademais, todo o comercio “non esencial” deberá pechar ás 18.00h. -o listado indicarase no DOG que se publicará mañá-, mentres que si poderán continuar abertos despois desa hora e sen sobrepasar as 21.30h. os establecementos considerados como esenciais, é dicir, supermercados, tendas de alimentación, farmacias, talleres de vehículos, etc. Os centros comerciais -aos que non podemos ir desde Moeche-, pecharán durante as fins de semana.
No listado de restricións, Feijoo lembrou a prohibición das visitas nos hospitais, salvo no caso de dependentes ou menores que precisen acompañamento. Tamén pechan os centros sociocomunitarios e da terceira idade (clubes de persoas xubiladas, etc.) e só permanecerán abertas as residencias de persoas maiores e os Centros de Día.
O titular da Xunta informou na rolda de prensa de que se mantén a actividade lectiva no ensino -infantil, primaria, secundaria e a actividade nas escolas infantís-, mentres que as universidades reanudarán as clases o 8 de febreiro. A partir dese día nos campus galegos haberá unha semana con teleformación e, de ser posible, o ensino universitario presencial retomarase a partir do 17 de febreiro.
En canto a outros escenarios, suspéndese toda a actividade cultural -museos, bibliotecas, cines, espectáculos, etc.- e tamén a actividade deportiva -ximnasios e competicións, agás as de ámbito nacional ou internacional-. Só se poderá facer deporte individual ao aire libre e haberá que practicalo levando sempre a máscara de protección.
Todas estas restricións -e outras que publique o DOG- acompáñanse da recomendación de autoconfinarnos e saír da casa só para cuestións esenciais, como poden ser a merca de alimentos e outros produtos básicos, acudir ao traballo ou facer calquera outra xestión inaprazable. Segue vixente -máis que nunca- a recomendación de interactuar o menos posible fóra da casa, algo que se ve reforzado agora coa prohibición de que se xunten grupos de persoas non conviventes.

60 casos en Moeche, que agarda a confirmación dun cribado masivo
Na actual situación, Moeche segue sendo un dos municipios da volta cunha maior incidencia de positivos. A Xerencia da Área Sanitaria de Ferrol comunicoulle a media mañá de hoxe a existencia de 60 casos activos acumulados a 14 días -11 máis ca onte-, o que sitúa o noso territorio nunha incidencia superior aos 5.000 por cada 100.000 habitantes. Nestas circunstancias, desde o Goberno local solicitouse hai varios días a realización dun cribado masivo que permita detectar asintomáticos e positivos non asociados a casos xa confirmados, como maneira máis efectiva de atallar a dispersión do virus e de protexer á poboación máis vulnerable. Na petición enviada pola alcaldesa ao SERGAS poñíase o acento na realidade demográfica do municipio, onde é habitual que convivan no mesmo domicilio persoas maiores con xeracións máis novas -fillos e netos-, de xeito que os cribados axudarían a protexer especialmente ás persoas de avanzada idade e dependentes.

A resposta da Dirección Xeral de Saúde Pública recibida esta mañá non pecha a porta á realización dos tests masivos, pero tampouco a confirma. O departamento autonómico indica que a programación de cribados se fai de acordo con múltiples factores -casos diarios e acumulados, presión asistencial, capacidade para facer as probas, etc.- e que, en calquera caso, a solicitude de Moeche “terase en conta á hora de priorizar ditos cribados”, sen achegar a confirmación agardada polo Concello nin tampouco prazos aproximados.