A Casa do Concello acolleu a lectura pública da declaración institucional por parte de representantes de diferentes asociacións do municipio e de varios membros da Corporación Municipal. As actividades proseguiron coa participación do alumnado do CEIP San Ramón..

A partir das 11.30 a Casa do Concello foi o espazo no que se deu lectura pública do texto institucional asinado polos representantes dos grupos municipais. Ao acto asistiron representantes da A. VV. Labacengos, da A.VV. Val de Moeche, do Club de fútbol A.D.C. Moeche,da ANPA do CEIP San Ramón así como representantes dos grupos municipais do BNG e do PP, persoal municipal e a alcaldesa. Do mesmo xeito manifestaron o seu apoio outras entidades que non podían participar hoxe neste acto.

Moeche, tras o acto de sinatura do convenio de adhesión á campaña En negro contra a violencia o pasado venres, deixou para hoxe 26 a lectura pública da declaración institucional co obxectivo de facilitar a participación do alumnado, quen o luns 25 se trasladou a Vigo a recoller o premio Ponte nas Onas, acabado polo seu traballo a favor do patrimonio inmaterial

Xincana de educación para a igualdade e concurso de lemas

Logo da lectura da declaración institucional, seguiron os actos de conmemoración o 25 -N xa no CEIP San Ramón, onde o Concello entregou unha copia da declaración institucional para cada neno e nena así coma pulseiras e mandas conmemorativos desta campaña, En negro, contra violencia. A entrega de premios ao alumnado gañador do concurso de lemas así como de diplomas a todos os participantes. As persoas gañadoras foron Nuria Pazos, Beatriz Ferreira Semedo e Tomás Yáñez, que recibieron un libro e un diploma polo seu compromiso e bo traballo.

O Concello organizou unha xincana pola igualdade para o alumnado de 8 a 11 anos, unha actividade que procura reforzar e fomentar a adquisición de coñecementos en torno a igualdade de xénero e favorecer a súa prática entre nenas e menos a través de actividades dinámicas e divertidas.

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DO CONCELLO DE MOECHE POLO DÍA INTERNACIONAL PARA A ERRADICACIÓN DA VIOLENCIA DE XÉNERO

O 25 de novembro foi declarado Día Internacional contra a Violencia cara á muller no I Encontro Feminista de Latinamérica e do Caribe (Bogotá, Colombia, xullo 1981) e xa no 1999 a ONU dálle carácter oficial a esa data. Nese primeiro encontro as mulleres denunciaron a violencia de xénero no plano doméstico e a violación e acoso sexual a nivel de estados, incluíndo a tortura e os abusos sufridos por ser presas políticas.
Elixiuse este día para conmemorar o violento asasinato das irmás Patria, Minerva e María Teresa Mirabal, tres activistas políticas asasinadas o 25 de novembro de 1960 por orde do ditador Rafael Trujillo na República Dominicana.
Historicamente a violencia ten sido minimizada, ocultada e invisibilizada e os avances que demos como sociedade responden á capacidade transformadora do feminismo e dos movementos de mulleres en Galiza e no resto do mundo. Nos últimos anos asistimos a mobilizacións históricas en Galiza que dan cumprida conta da fartura diante dunha situación que é insostíbel. Nos últimos anos as respostas que impulsa o feminismo galego ante os feminicidios aumentaron en número de convocatorias e en asistencia. Así mesmo, asistimos a dúas folgas históricas o 8 de marzo de 2018 e de 2019 que superaron toda expectativa. Mais dista aínda de ser prioritario para toda a sociedade e para todas as axendas políticas.
Se ben é certo que demos pasos adiante na visibilización da violencia machista, os datos mostran que queda aínda moito que avanzar, só no que vai de 2019 foron 59 as mulleres asasinadas a mans da violencia machista. Porque do mesmo xeito que hai 59 anos as irmás Mirabal eran asasinadas por enfrontarse ao réxime ditatorial, hoxe en día ás mulleres séguennos matando polo simple feito de ser mulleres, por enfrontarse ao sistema imposto, contra ese machismo tan arraigado que tenta oprimirnos e relegarnos a un segundo plano. Este carácter estrutural da violencia machista fai necesaria a transformación da sociedade dende a raíz, reducindo a fortaleza do patriarcado para superar todas as manifestacións de desigualdade e violencia que sofren as mulleres,e para isto é indispensable destinar maiores recursos económicos, humanos e materiais e a implicación de toda a sociedade confrontando as crenzas culturais, as estruturas sociais e a educación que as perpetúan.
Por todo o anterior, o Concello de Moeche reafirma o seu compromiso na loita contra a violencia machista e desenvolvemento no ámbito da súa competencia unha medidas en prol da igualdade e da garantía dos dereitos das mulleres e das crianzas, para entre todos conseguir unha sociedade libre de medo e con ese obxectivo:
Invitamos a toda a veciñanza e ás entidades asociativas municipais a que se adhiran a esta Declaración e sumámonos a todas as voces que reclaman o fin da violencia machista e animan a denunciar as actitudes machistas e as agresión contra as mulleres, tanto no eido privado como no público.
Reivindicamos a necesidade de dotar ás entidades locais de competencias, de medios e de recursos suficientes para a axeitada atención ás mulleres e nenos.
Comprometer o apoio da Corporación ás mobilizacións locais e nacionais que desenvolvan as organizacións feministas galegas contra a violencia machista os 365 días do ano.
Convidamos, así mesmo, ás veciñas e veciños a participar nas actividades da programación promovida polo Concello de Moeche co gallo do Día internacional para a erradicación da violencia de xénero (consultar www.moeche.gal).

A Corporación do Concello de Moeche manifesta o seu firme rexeitamento ante calquera expresión de violencia contra as mulleres en todas as súas dimensións: física, psicolóxica, simbólica, económica, así como as distintas formas de machismo, tanto as máis visibles, como as máis invisibilizadas e normalizadas pola sociedade.

Moeche, novembro de 2019

Asina: Corporación municipal.