Luns 15 de xuño Galicia entra na “nova” normalidade, unha vez superada a fase 3. O pasado 10 de xuño o Goberno do Estado adiantaba un conxunto de normas para a “normalidade” que de novo recolle a Xunta de Galicia no DOG do 13 de xuño, con algunha pequena variación. Estas medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, para a transición cara a unha nova normalidade, pódense consultar premendo neste enlace.

Uso de máscaras

Mantense a obriga de usar máscaras para todas as persoas maiores de 6 anos nos espazos públicos – abertos ou pechados- sempre que non se poida manter a distancia interpersoal de 2 metros.

Segue sendo obrigatorio o uso das máscaras no transporte particular, tanto en motos como en automóbil, cando NON todos os ocupantes convivan no mesmo domicilio. No transporte público sempre é obrigatoria a máscara.

Excepcións no uso da máscara

Poden non usar a máscara aquelas persoas que padezan unha enfermidade ou dificultade respiratoria que se poida agravar coa máscara; as persoas dependentes ou discapacitadas que non teñan autonomía para sacar a máscara ou que o feito de levar a mascara lles produza alteracións da conduta .

Sanción por non usar máscara
Ollo¡ O feito de non poñer a mascara cando sexa obrigatorio, pode supoñer unha sanción con multa de 100 €.

Mobilidade
A mobilidade segue restrinxida aos limites da comunidade autónoma, excepto por razón xustificadas como o traballo , a volta ao domicilio e outras.

O número de persoas que se poden reunir non ten límite, pero deben manterse as distancias interpersoais de seguridade e as medidas de hixiene.

Capacidade da ocupación de vehículos
– Nas motos segue sendo obrigatorio o uso de luvas, ben as de tipo sanitario ben as de protección. Non se modifica o artigo 1 e , polo tanto, enténdese que segue en vigor a obriga de usar máscara ou casco integral para os dous ocupantes, excepto cando convivan no mesmo domicilio.

– Como novidade, nos transportes privados particulares e privados complementarios de persoas en vehículos de ata nove prazas, incluído o condutor, poderán desprazarse tantas persoas como prazas teña o vehículo.

-Nos transportes públicos de viaxeiros en vehículos de ata nove prazas, incluído o condutor, poderán desprazarse tantas persoas como prazas teña o vehículo por cada fila adicional de asentos respecto da do condutor.

-No transporte público regular, discrecional e privado complementario de viaxeiros, nos vehículos e embarcacións que dispoñan de asentos, poderase ocupar a totalidade dos asentos procurando, cando o nivel de ocupación o permita, a máxima separación entre as persoas usuarias.O uso da mascara segue sendo obrigatorio no trasporte público.

Hostalaría e restauración.
Bares e restaurantes pode ocupar xa un máximo do 750% da súa capacidade e a barra sempre cunha separación mínima de 2 metros entre os clientes. Nas terrazas ao aire libre, o aforo ampliase o 80% das mesas permitida. Os grupos poden ser de 25 persoas como máximo e a separación entre mesas ou agrupacións de mesas debe ser como mínimo de 2 metros.
Todos os establecementos deben cumprir coas normas de hixiene, entre outras, poñer a disposición da clientela xel hidroalcólico, limpeza e desinfección do equipamento entre un cliente e outro, evitar o uso de cartas de uso común e outras.
As discotecas, locais de lecer nocturno e os centros de lecer infantil seguen pechados ata o 1 de xullo.

Locais comerciais
Os establecementos comerciais poden utilizar o 75% do seu aforo sempre que poidan manter a distancia interpersoal de 2 metros, de non ser así, só poderá acceder ao local unha persoa de cada vez.

Centros comerciais
Nas zonas comúns dos centros comerciais o aforo estará limitado ao 50% e a distancia de seguridade manterase en dous metros. As salas de cine poderán ocupar o 75% do seu aforo.
Nos aseos estarán limitados a unha única persoa cada vez se non teñen máis de 4 metros cadrados. De haber varios urinarios, poderán usarse ao o 50%.

Feiras e feiróns
En feiras e feiróns xa poden asistir ata o 75% dos postos habituais, sempre cunha distancia lateral e frontal marcada pola normativa e coa prohibición expresa de manipular o produto por parte da clientela.

Contacto social: vodas, velorios, cerimonias, etc

Nos enterramentos e cremacións pode asistir un total de 75 persoas, incluído o oficiante, mantendo as distancias interpersoais de seguridade (2 metros) e cumprindo coas normas sanitarias.
Os velorios teñen un límite de 30 persoas se se celebran en espazos pechados, e de 60 persoas se son ao aire libre,

Cerimonias relixiosas poden cubrir ata un 75% do aforo do templo e cumprindo as medidas de hixiene e distanciamento social. As igrexas ou lugares de culto deben publicar en lugar visible o seu aforo e deberán cumprir as medidas de seguridade, mesmo facilitando xel hidroalcólico.

O mesmo aforo, 75%, se establece para as vodas civís ou relixiosas, bautizos e comuñóns, que se realicen noutros recintos públicos ou privados. En calquera caso, de celebrarense ao aire libre, asistirán un máximo de 250 persoas e , se é un espazo pechado, 150 persoas. De realizárense nun espazo exterior, deberán contar con autorización do Concello.

Espectáculos, actividades culturais e biblioteca
As bibliotecas poden abrir ocupando ata o 75% do seu aforo. A Biblioteca municipal abriu o pasado 1 de xuño, en horario de mañá, cumprindo co protocolo achegado pola Xunta de Galicia. Nos meses de xullo e agosto a biblioteca municipal acollerá de novo o Obradoiro de memoria.

Os espectáculos ao aire libre poderán levar a cabo cun máximo de 1000 espectadores. As persoas asistentes deben permanecer sentadas e respectar a distancia social de dous metros.

Os espectáculos en espazos pechados teñen un límite do 75% do aseu aforo cun máximo de 300 persoas participantes.
Os locais municipais seguen pechados ao público en xeral e só se permite o seu uso para actividades municipais a porta pechada ou para as actividades, non abertas ao público, das entidades veciñais ou culturais do municipio que, en todo caso, deberán solicitar autorización previamente ao Concello e cumprindo todas as medidas de seguridade. Exceptúanse desta limitación para actos públicos, o seu uso como local electoral, sempre dentro das normas de seguridades marcada polos protocolos correspondentes. Abriranse ao uso do público en función da evolución da situación.

O Castelo de Moeche abrirá as súas portas ao público o vindeiro 20 de xuño , cumprindo co protocolo de museos e centros de interpretación.

Festas e verbenas
A partir do 1 de xullo poderán celebrarse festas e verbenas se a evolución da crise sanitaria o aconsella e que coa autorización da Administración autonómica.

Actividades deportiva, de lecer parque biosaudable, piscina…
Lecer infantil
Actividades como o campamento Sementeira establece a Xunta de Galicia que se poderán ofrecer para un 75% dos e das participantes habituais .Respectaranse os máximos que establece a nova normativa autonómica e os grupos serán como máximo de 10 participantes, con diferentes grupos por franxas e idades.

Piscina
Desde o Concello estase valorando a posibilidade, se todo segue avanzando positivamente, de abrir a piscina municipal no mes de xullo, con novas normas que adapten o servizo á situación, con aforo limitado ao 75% e limitacións do uso de determinados espazos da instalación.
Nas zonas para toallas, o espazo ten que estar delimitado para garantir a separación entre persoas.
Ofreceranse os habituais cursos de natación para persoas adultas e para menores, sempre en grupos reducidos, e unha vez confirmada a apertura da piscina.

Parque biosaudable
Poderase utilizar para actividades programadas, previa autorización municipal,  a partir do luns 6 de xullo, unha vez que rematen as obras de mantemento e mellora que se están a realizar estes días. A Xunta estableceu unha ratio de uso máxima de 1 persoa por cada 4 m², con desinfeccións diarias do mobiliario.
Acollerá o curso de mantemento físico ao aire libre durante os meses de xullo e agosto.

Pistas de tenis e pádel
Nas pistas municipais de tenis e pádel deberanse respectar ás normas publicadas para os deportes individuais ou colectivos non federados ao aire libre e sen contacto poderán participar ao tempo ata 25 persoas, ou de ser instalacións. instalacións e centros deportivos 25 persoas ou un máximo dun 2/3 da súa capacidade.
Todas estas medidas estarán en vigor ata o levantamento da declaración de situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta do 13 de marzo de 2020.
Os servizos de inspección municipais, autonómicos, no ámbito das súas competencias, serán os encargados de vixiar o cumprimento das medidas recollidas neste acordo. Os posibles incumprimentos serán sancionados polas autoridades competentes de acordo coa lexislación aplicable.