A primeira das rutas xeolóxicas, na Mina Piquito, esgota as prazas dispoñibles en dous días. Un total de 20 persoas participarán este domingo na primeira das rutas xeolóxicas deste verán organizadas polo Concello de Moeche. Dentro das actuacións que apuntalan o proxecto, o Concello de Moeche, como practicamente todos os concellos integrantes da area do proxecto Xeoparque Cabo Ortegal, organizou durante este verán 10 rutas xeolóxicas, 6 pola mina Piquito, 2 rutas do toelo e 2 rutas do Cobre, estas últimas compartidas co Concello de Cerdido

As persoas que participen nas rutas á Mina Piquito percorrerán a antiga explotación de cobre e as súas galerías na compaña do xeólogo Fran Canosa, quen vai explicando as distintas formacións minerais. observables a simple vista nesta explotación clausurada a finais dos anos 60 da que se extraían piritas e calcopiritas (mineral do que sae o cobre).  A escuridade da mina tórnase coa luz artificial nun espectáculo de cores e texturas onde aparecen fermosas e delicadas estalactitas azuis formadas pola precipitación do cobre en contacto con outros elementos -o xofre que tamén tingue de amarelo algunhas paredes-, diminutos cristais de xeso que brillan na rocha, marróns e ocres de grande viveza debidos á oxidación do ferro… todo resultado do paso do tempo e do efecto da omnipresente auga nos últimos 50 anos.

Nas rutas do toelo visítanse as canteiras desta rocha da familia das serpentinas, moi empregada no pasado como elemento construtivo en igrexas, cruceiros, vivendas -linteis de fiestras, hórreos, baños de salgar, píos, etc.- e incluso no propio castelo.

E nas novas rutas do cobre percórrense as principais instalacións das minas de cobre nos concellos de Moeche e Cerdido: unha antiga cheminea de calcinación, unha planta de tratamento químic ou as entulleiras. Estes espazos serán os principais puntos de visita deste nova oferta que nos permitirá coñecer o valor xeolóxico do territorio e como se traballou nestas minas.

Ao longo do verán son 10, pois, as rutas xeolóxicas que se ofrecen -dúas delas compartida con Cerdido- e que se poden consultar premendo aquí

A mina é un dos recursos máis destacados do Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal impulsado por Moeche e outros seis concellos da comarca con apoio da Deputación da Coruña. O proxecto persegue o selo distintivo outorgado pola Unesco para aqueles territorios que sexan capaces de combinar o coñecemento dunha xeoloxía singular co desenvolvemento socioeconómico e cultural, baseado principalmente no turismo.

Prezo e inscrición

As rutas teñen un custe de 10 euros no caso da Mina Piquito e nela, por cuestións de seguridade, só poderán participar maiores de 11 anos, e de 6€ na Ruta do Toelo e na Ruta do Cobre. No formulario de inscrición indícase o número de conta no que se deberá facer o ingreso e o correo ao que cumprirá enviar o xustificante.

Para inscribirse ou obter máis información sobre as rutas programadas ata setembro pódese entrar neste enlace   ou ben chamar ao Concello ao 981 404000 ou solicitar información no correo turismo@moeche.gal