O 25 de novembro é o día escollido pola ONU Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, convidando a gobernos, organizacións internacionais e organizacións non gobernamentais a desenvolver actividades dirixidas a sensibilizar a poboación respecto da situación de violencia na que viven moitas mulleres e as situacións de desigualdades que se viven en moitos eidos da nosa sociedade. 

É un día de reivindicación, de esixirlle á sociedade que remate o machismo asasino, pero tamén de seguir concienciando sobre unha igualdade urxente e necesaria que non debe facer distincións por razóns de xénero. A actual situación sanitaria acentuou os desequilibrios home-muller que se viven en distintos ámbitos e por iso neste momento fai falla multiplicar os esforzos para que a mensaxe se escoite alta e clara: querémonos libres, querémonos vivas! Ese labor de concienciación acentúase nos días máis próximos ao 25 de novembro para os que área de Benestar Social e Igualdade preparou varias actividades.

O mércores 25 de novembro, os alumnos do CEIP San Ramón poderán desfrutar da actividade -inicialmente programada para o sábado 21 Francisco Piñeiro (Abade)-  Contacontos “Mulleres de sal, mulleres de Terra”. Trátase dunha sesión de contos de creación propia e de tradición oral na que se combina a narración co teatro de obxectos. Todos eles teñen en común mulleres cun papel activo, que conforman un universo feminino rico e diverso e que promoven relacións baseadas na igualdade e o respecto. O espectáculo chega da man da Rede Cultural da Deputación da Coruña.

Ademais, a escola ten en marcha un concurso de lemas a prol da igualdade e do rexeitamento das violencias machistas, como cada ano o xurado elixirá e premiará as tres mellores frases de entre todas as participantes, que estarán expostas na casa do concello.
Como novidade, os lemas este ano serán tamén en formato vídeo, que se publicará tamén o día 25 de novembro nas redes sociais do concello, un vídeo cos lemas elaborados pola rapaza no que quedará claro o talento e implicación da rapazada modestina nun tema tan importante como é a igualdade.

Esta crise sanitaria da pandemia pola COVID-19 fai máis necesario ca nunca a implicación de toda a sociedade para a erradicación desta lacra que é a violencia machista, e o único xeito de acabar con ela é mirándoa de fronte, e ese é precisamente o lema escollido pola Deputación da Coruña para a campaña neste 25 de novembro, á que nos sumamos desde Moeche.
DE FRONTE á violencia de xénero é unha campaña que busca a implicación de concellos e outras entidades da provincia, tecendo unha rede de colaboración e traballo conxunto no compromiso coa igualdade e na loita conxunta contra a violencia de xénero. Esta campaña conta con diferentes actividades, que se desenvolven de xeito online durante o mes de novembro, desde o que buscan sensibilizar e concienciar á poboación.

Desafío poético
Concurso que se desenvolverá entre o 4 e o 26 de novembro e que consiste en compartir en Facebook ou Twitter un texto poético, propio ou non. O premio serán tres bonos de 60€ para gastar en librarías da provincia.

Conferencias online
A partir do día 4 de novembro tamén se ofrecerán online e en aberto tres conferencias que abordarán a violencia de xénero desde diferentes perspectivas, como o da mocidade, da man de Vanessa Rodríguez Pousada, das tecnoloxías da información, con Sara Vierna Fernández, e dos medios de comunicación, con Ana Sanmartín López.

Narración poética
Entre o 9 e o 25 de novembro desenvolverase unha actividade, guiada por Palmira Castro, de narración poética para todas as idades, conxuntamente cunha acción colectiva de origami nas redes sociais.

Actividades infantís
Para público infantil e familiar, ofrécese “Contos de nenas grandes e pequenas”, unha produción de Marta Ortiz e Brais das Hortas, en aberto do 23 ao 29 de novembro.

Toda a información sobre o proxecto, recursos e as distintas actividades pódense consultar na web da campaña defronte.gal, que conta con información sobre o proxecto, propostas de recursos de utilidade e acceso ás diferentes actividades, e nas redes sociais da Deputación da Coruña. Por último, a campaña verase reforzada por oito pequenos vídeos onde diferentes persoeiros da cultura galega recitarán versos contra as violencias machistas.