O Concello de Moeche abre o prazo para que as asociacións e entidades sen ánimo de lucro do municipio poidan solicitar as axudas destinadas ás actividades, obras e servizos que desenvolvan ao longo de 2026. O extracto da convocatoria publicouse no Boletín Oficial da Provincia do 28 de outubro, e as solicitudes poden presentarse desde mañá día 29 de outubro e ata o 11 de novembro, exclusivamente a través da sede electrónica do Concello (moeche.sedelectronica.gal). Os impresos normalizados están dispoñibles na web municipal, nas oficinas e no taboleiro de edictos.
A convocatoria conta cun orzamento de 4.000 euros, que se repartirá en concorrencia competitiva entre as entidades inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións que estean ao corrente das súas obrigas coa Facenda, a Seguridade Social e o propio Concello, e que desenvolvan a súa actividade en Moeche.
As axudas poden destinarse a financiar actividades culturais, deportivas e educativas, sexan puntuais ou de carácter anual, como concertos, teatro, torneos, obradoiros, conferencias, viaxes culturais ou encontros veciñais. Tamén se poden empregar no funcionamento ordinario das entidades, cubrindo gastos como a luz, o teléfono ou os desprazamentos, ata un máximo do 40 % da axuda. As entidades con local propio ou alugado poderán destinar ata 500 euros a obras e melloras nas súas instalacións, e tamén se subvenciona a adquisición do equipamento necesario para a actividade. Quedan fóra os gastos financeiros, notariais ou rexistrais, as multas e sancións, e as actividades que xa conten con outra axuda municipal ou cun convenio co Concello.
Na valoración teranse en conta, entre outros aspectos, o número e a traxectoria das actividades, a participación veciñal e o número de persoas socias. Tamén puntuarán as iniciativas dirixidas ás mulleres, á mocidade, á infancia ou ás persoas maiores, a promoción da cultura e da lingua galega, a colaboración con outras entidades e a difusión nas redes sociais. Todas as actividades subvencionadas e o material de difusión deberán estar en galego.
As entidades beneficiarias poderán solicitar un anticipo do 50 % da axuda unha vez concedida, e deberán presentar a xustificación antes do 15 de decembro. As bases completas pódense consultar no BOP e na Base de Datos Nacional de Subvencións (BDNS 937119), e as oficinas municipais están á disposición das entidades para resolver calquera dúbida.
Modelos de solicitude
Anexo I. Solicitude de axudas ás entidades sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de actividades, obras ou servizos durante o ano 2026
Anexo II. Relación de actividades e/ou investimentos para os que se solicita axuda
Anexo III. Certificación do acordo de solicitude, nomeamento do representante e número de persoas socias da entidade
Anexo IV. Declaración xurada de non estar incurso en causa de incompatibilidade ou incapacidade para a percepción da presente achega
Anexo V. Memoria explicativa das actividades
Anexo VI. Documentos que se xuntan á solicitude de axuda
Modelos de xustificación
Anexo VII. Xustificación das axudas concedidas ás entidades sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de actividades, obras ou servizos durante o ano 2026
Anexo VIII. Memoria xustificativa por período subvencionable do programa realizado
Anexo IX. Actividade ou investimento que se xustifica
Anexo X. Declaración responsable








Últimos comentarios