O Concello retomará este xoves 15 de novembro  a rolda de xuntanzas polas parroquias para intercambiar impresións coa veciñanza sobre o funcionamento dos distintos servizos públicos e sobre os investimentos e outras necesidades do territorio. A primeira cita será na Casa do Concello ás 19.30h. nun encontro ao que están chamados os veciños e veciñas da parroquia de San Xoán. Seguirán o venres á mesma hora en Abade, o luns en Santa Cruz, o martes en San Xurxo e finalizarán en Labacengos o mércores 21. As asembleas son abertas e con elas o Goberno local tamén busca recoller propostas para incluílas no orzamento municipal de 2019. 

Tal e como comenta Beatriz Bascoy, “estamos ás portas do cambio de ano e cómpre deseñar un orzamento municipal que nos permita seguir transformando o concello. E para iso, nada mellor que escoitar todo o que a xente ten que dicir: pistas que requiren arranxos, alumeados públicos, servizos que se poderían poñer en marcha, cambios ou melloras na prestación doutros… todo ten cabida nas asembleas parroquiais, coa finalidade de construírmos entre todas e todos o Moeche que queremos”.

Neste sentido, as asembleas  adoitan ser “un foro moi dinámico” no que xorden peticións de todo tipo, aínda que o maior número delas “refírese á ampliación ou reparación de servizos básicos”, asegura a rexedora recordando a experiencia de anos anteriores. Con todo, Bascoy volve insistir en que as reunións “están abertas a calquera achega, sempre que sexa asumible e que beneficie ao maior número de veciños e veciñas”.

Por outra banda, as xuntanzas tamén son “un espazo informal de fiscalización da xestión municipal”, dado que nelas se informa de iniciativas que están en marcha, sobre outras que se queren levar a cabo “e tamén ao respecto daquelas que acumulan algún tipo de retraso e polas que a xente pregunta”. Con todo, Beatriz Bascoy confía en que estas “sexan as menos”, posto que nestes momentos “estanse executando ou xa están en fase de licitación as actuacións de maior envergadura, das que daremos conta puntualmente en cada parroquia”.

As asembleas terán lugar nos centros sociais de referencia en cada parroquia e todas comezarán ás 19.30h. As datas e lugares concretos son os seguintes:

Parroquia

Data

Lugar

Hora

San Xoán

 xoves 15 de novembro

Casa do Concello

Todas as xuntanzas serán ás 19.30h.

Abade

venres 16 de novembro

Centro Cultural Francisco Piñeiro

Santa Cruz

luns 19 de novembro

Antigo local electoral

San Xurxo

martes 20 de novembro

Local social O Pereiro

Labacengos

mércores 21 de novembro

Local veciñal O Ventoeiro