Ofrecemos desde hoxe unha remodelada web baixo o novo dominio moeche.gal, unha páxina que seguiremos ampliando e rematando cara a unha maior información e participación.
A modernización dunha ferramenta tan básica a día de hoxe entendeuse desde o Concello como unha necesidade no desenvolvemento actual da vida municipal, para fornecer información á veciñanza sobre servizos e actividades municipais ou a realidade asociativa do concello, para ser unha vía de participación e transparencia e, ao tempo, para proxectar Moeche cara ao turismo.
A nova web, desenvolvida por Gnomio portal web municipal, ofrece variados contidos – feiras, servizos municipais, rutas, datos estatísticos, patrimonio, Castelo, axenda, novas, Andainas, boletíns, galerías de fotos, etc. – , mais o elemento fundamental é a comunicación directa a través de ferramentas que permiten, por exemplo, que as persoas usuarias reciban nos seus teléfonos móbiles avisos urxentes (cortes de auga, árbores caídas, corte de estradas, etc.).
O novo sistema de información inclúe a comunicación directa coa Alcaldía, a posta a disposición de audios e textos das sesións plenarias , o estado de execución dos investimentos principais, un espazo para consulta de todas as redes sociais relacionadas co Concello e a comunicación veciñal a través dun mecanismo que facilita trasladarlle incidencias ao Concello e consultas á veciñanza sobre temas de interese municipal.
Ás asociacions ofrécesellese un apartado para cada unha delas, no que contan cun espazo propio para comunicar as súas actividades e información.
Ao tempo, partindo da importancia das información na actualidade, o sistema publica automaticamente na web municipal e nas redes sociais as novas municipais.
Agardamos a participación e colaboración de todos e todas vós para facermos participativa e útil esta páxina.
Últimos comentarios