Xa está aqui o Entroido, xa viñan avisando da súa chegada a flores amarelas das acacias, e Moeche prepara varias citas para celebralo ben: a festa do Concello e os xantares das entidades veciñais. A Concellería de Cultura organiza a festa de Entroido na nave dos tecidos con xogos para a xente miúda, cama elástica, inchables, música e o tradicional desfile de máscaras que premiará os mellores disfraces tanto infantís como de persoas adultas.
Un xurado formado pola veciñanza elixirá os premiados atendendo a criterios, como a vistosidade, a orixinalidade, o traballo e a disposición e alegría con que se presenten . A súa decisión será inapelable. Coma estes anos, na nave haberá un sistema de calefacción por se aperta o frío, e para rematar a festa despediremos a tarde cun rico chocolate con churros .