Presentación do proxecto O Lavadoiro

Unha das propostas principais deste 25N en relación coas accións públicas será a presentación do programa O Lavadoiro posto en marcha polos concellos de Moeche e San Sadurniño con apoio da Deputación da Coruña. Trátase dun proxecto piloto innovador e de base social para afrontar a violencia de xénero desde unha perspectiva distinta e complementaria dos outros mecanismos de loita contra esta lacra da nosa sociedade.

Así, ao abeiro do Lavadoiro formouse un grupo de mulleres “facilitadoras” co obxectivo de contar cunha rede veciñal de apoio ás vítimas e que, ademais, conte cos coñecementos necesarios para detectar posibles casos e cumprir coa necesaria función de acompañamento no proceso de deixar atrás a súa situación. Ademais, dentro deste Lavadoiro tamén naceu un grupo de homes “aliados” coa misión de difundir un novo modelo de masculinidade comprometido coa igualdade, a corresponsabilidade e a erradicación do machismo. Os resultados iniciais do proxecto  daranse a coñecer nun evento con entrada libre programado para as 11:30h deste sábado 26 de novembro na Casa da Cultura de San Sadurniño.

Cara ao remate da xuntanza tamén intervirán representantes municipais de Moeche e San Sadurniño, así como responsables técnicas da cooperativa Arabías (coordinadora do proxecto), antes de darlle paso á actuación de Vero Rilo  coa súa proposta escénica “Lavandeiras”, que parte da recollida oral de testemuños e vivencias nos lavadoiros, antano auténticos foros de empoderamento feminino e de sororidade. O evento concluirá pasadas as 13:00h cun pequeno coloquio relacionado con todo o tratado na xornada e cos avances que aínda se deben producir para acadar unha igualdade plena e libre de violencias machistas.

No event found!

Submit a Comment