Choveu, vaia se choveu. Máis do que se contaba… ou polo menos máis que os “orballos” anunciados a véspera polas predicións meteorolóxicas. Desde primeira hora da mañá do sábado, Moeche e o resto da comarca viuse cuberto por un manto de auga persistente e abundante, e tamén moi necesaria, que lle fixo un feo á quinta edición da Feira da Faba e que incluso impediu que se abrise o circuíto de educación viaria para a rapazada. Con todo, durante a xornada houbo un constante movemento de público pola nave do Mercado á procura de fabas e doutros produtos, especialmente chacinas, pan e a rica fabada servida pola AVV de Labacengos.

Os postos comentaban cara ao mediodía -momento de maior afluencia- que as vendas do produto estrela foran boas, sobre todo en bagullo. José Luís Sanjurjo, de Bardaos, acabou as existencias das fabas en vaíña a iso das 11:30h, mentres que as bolsas de faba en verde e secas foron saíndo a un ritmo menor. “A xente en vez de levar un ou dous quilos de fabas, levaba bolsas de dez ou quince quilos de faba para debagar na casa.”, comentaba o vendedor, que é un dos fixos nas feiras e mercados modestinos. Sanjurjo, vendía a faba en vaíña a 5€, a faba verde a 10€/quilo e a seca a uns 13 euros. A faba “do caldo” ía a 4,50 euros.

Na feira tamén se podían atopar outros produtos frescos e elaborados, como noces, castañas  (habíaas grandes coma unha pataca pequena), pementos, nabizas, pan e empanadas, chocolate e tamén salgaduras e chacinas dos Ancares que, xunto coas fabas, tiveron moi boa saída.

O bo tempo -dicimos bo porque fai falla moita auga- que mollou Moeche durante todo o día obrigou a suspender as actividades ao aire libre para a rapazada, para quen o Concello organizou no interior da nave unha busca do tesouro (neste caso unha faba) e xogos cooperativos. Pola tarde, cativería e persoas adultas participaron no concurso de debagado de fabas e, ao seu remate, pasaron case unha hora de risas e números abraiantes con Natalia Outeiro, “Pajarito”, e o seu espectáculo de clown e escapismo “A Vida tola”.

O ramo á feira, na que tamén houbo sorteos de lotes de produto, púxoselle coa foto das mulleres presentes no recinto -case medio cento- que quedará como recordo da celebración en Moeche do Día Internacional das Mulleres Rurais 2022.

O Concello quere agradecer a colaboración da AVV de Labacengos e de representantes doutras entidades e veciñanza que botou unha man na organización da feira, na que tamén se contou con axuda da Agrupación de persoas voluntarias de Protección Civil de Neda.