O carnaval de Moeche confirmouse neste 2023 como referente dos Martes de Entroido non só para o concello anfitrión, senón tamén para os de Cerdido, San Sadurniño, As Somozas e outros municipios da zona. No evento celebrado este serán na nave do Mercado houbo moito público e moitas máscaras, atraídas sen dúbida polo acolledor do recinto nunha tarde de orballo e pola irresistible merenda a base de chocolate con churros, ademais dos xogos e a música para a rapazada que trouxo LaGuaGua e os premios que se entregaron para o mellores disfraces individuais e de grupo.

Na relación de máscaras que desfilaron pola nave do mercado modestino puidemos ver de todo: princesas, super heroes e heroínas, unha comparsa de Super Mario Kart, unha grande torta de amorodos, o coche dos Picapedra -con Pedro, Pablo, Betty, Wilma, Peebles e Dino-, unha chea de Mércores Addams, un orixinal disfrace de camelia, a Freddie Mercury ataviado coma naquel famoso vídeo do I want to break free, meigas voando nas súas vasoiras, unha nena do exorcista en plena convulsión diabólica encirrada pola auga bendita, un grupo de aeróstatos sucando o ceo, unha colmea cunha única e diminuta abella, alusións ao recente desencontro entre Shakira e Piqué… e tamén os clásicos vellos e vellas e máscaras indefinibles pero sempre simpáticas que encheron o espazo coa súa troula.
O Entroido de Moeche despídese até o ano deixando un bo sabor de boca (non só pola merenda) e o Concello empeza a pensar xa na seguinte grande cita do calendario municipal: a Feira do Queixo, que volve o 26 de marzo tras tres anos sen se celebrar.