Moeche pechou un Martes de Entroido con moito público e moita animación na volta dunha das citas con maior tradición no municipio. A nave do Mercado acolleu unha festa á que se achegaron familias de toda a comarca, aínda que foron as nenas e nenos quen máis gozaron do evento adobiados cos traxes habituais de superheroes e heroínas, pero tamén cos atavíos de profesións e outros marcados pola actualidade. 
Neste sentido non houbo referenzas á situación en Ucraína, pero si resoaron aínda os ecos do Benidorm Fest con varias Tanxugueiras. Unha delas, de dous aniños, levou un dos premios infantís, mentres que a única Rigoberta Bandini do Entroido modestino logrou outro na categoría adulta. O Concello agasallou a participación individual e de grupos con vales para canxear no comercio e na hostalaría locais.
A festa rematou pouco despois das 19:00h coa degustación dun chocolate con churros servido pola ANPA do CEIP San Ramón que chegou e non sobrou por causa da grande asistencia de xente á nave do Mercado.

Máis Entroidos na fin de semana
Moeche aínda non dá por pechado o Entroido, xa que esta fin de semana hai outros dous eventos programados por colectivos veciñais.

O sábado a partir das 14:30h a comisión de festas San Xiao-Labacengos organiza tamén na nave do Mercado un xantar a base de sopa de cocido, cocido completo, sobremesa, viño, refrescos, auga, café e chupiño ao prezo fixo de 20€ (gratis para rapazada de ata 10 anos). O último día para reservar é o 3 de marzo, chamando para iso ao 636 963 028 (Mely).

A festa estará animada á hora do vermú e durante o serán polo Dúo Matices e un picadiscos. Ademais, quen vaia de máscara optará aos premios para o mellor disfrace individual, mellor parella e mellor temática de grupo.

O ramo ao Entroido porémosllo no Ventoeiro asistindo o domingo a partir das 16:30h a unha sesión de tarde con música, concurso de disfraces e degustación de doces típicos con café de pota. Haberá premio para a mellor máscara infantil e adulta. Desde a AVV Labacengos -organizadora do encontro- informan que o aforo é limitado e que, por esta razón, fai falla anotarse ata o 4 de marzo no 606 729 038.