Desde o 8 de xuño ata o 22 de xuño, se non hai  novidades, toda Galicia estará na fase 3 da desescalada. A partir de aí entraríamos nesa “nova normalidade”  que tamén virá marcada por normas e restricións na actividade social. O BOE publicado  o pasado 30 de maio  e o publicado o 6 de xuño  establecen  as normas para avanzarmos nesta fase 3.  O  texto ofrecido polo BOE este sábado 6 de xuño  recolle novidades como a apertura de pubs e discotecas sen pista de baile,  a ocupación de todos os asentos no transporte público, sempre usando máscara, a eliminación total  das franxas horarias e a autorización de reunións de ata 20 persoas

Como cambia a mobilidade? Xa podemos desprazarnos entre as catro provincias galegas.

A partir do 8 de xuño a unidade territorial xa non é a provincia, é a comunidade autónoma e será o Goberno autonómico – no noso caso a Xunta de Galicia- quen regule a mobilidade e outros aspectos desta fase 3.

Grupos e xuntanzas

Ata un máximo de 20 persoas – máis se son convivintes- poden reunirse pero  coa obriga de respectar todas as medidas  de precaución necesarias e  a distancia de 2 metros.

Máscaras, seguen con nós.

Espazos públicos

Mantense a obriga de usar máscara ou cubrebocas para todas as persoas maiores de 6 anos nos espazos públicos – tanto abertos como pechados- sempre que non se poida manter a distancia interpersoal de 2 metros.

No transporte público e privado

Segue en vigor a obriga recollida na Orde TMA/424/2020, de 20 de maio, sobre o uso de máscaras nos medios de transporte

Segue sendo obrigatorio o uso das máscaras no transporte particular, tanto en motos como en automóbil,  cando NON  todos os ocupantes convivan no mesmo domicilio.

No transporte público SEMPRE é obrigatoria a mascarilla

Condicións de ocupación de vehículos

Modificase o artigo 2 da Orde TMA/384-2020 no que afecta á ocupación de vehículos

– Nas motos  segue sendo obrigatorio o uso de luvas, ben as de tipo sanitario ben as de protección. Non se modifica o artigo 1 e , polo tanto, enténdese que segue en vigor a  obriga de usar mascara  ou casco integral para os dous ocupantes, excepto cando convivan no mesmo domicilio

-Nos vehículos de  uso particular de ata 9 prazas poden usarse todas as prazas  se  os ocupantes conviven no mesmo domicilio. Se alguén non convive no mesmo domicilio, poden ocuparse dúas prazas por fila e debe utilizarse mascarilla segundo a a orde TMA/384/2020, de 20 de maio).

– Nos vehículos  cunha soa fila de asentos  ocuparanse como máximo dúas prazas  e sempre  respectando a máxima distancia posible.

– Nos vehículos de transporte público de ata 9 prazas, incluída a praza de condutor, poder ir dúas persoas por cada fila adicional de asentos, ademais da do condutor/a. De conviviren as persoas ocupantes, poden  ir tres en cada fila . Lembrade que o uso da mascara segue sendo obrigatorio se non conviven as persoas viaxeiras.

– Nos trens e buses  pódense ocupar o 100% das prazas e seguen sendo obrigatorio o uso das máscaras

Hostalaría e restauración

Bares e restaurantes pode ocupar xa  un máximo do 50% da súa capacidade  e a barra sempre cunha separación mínima de 2 metros entre os clientes. Nas terrazas ao aire libre, o aforo ampliase  o 75% das mesas permitida. Os grupos poden ser de 20 persoas como máximo e a separación entre mesas ou agrupacións de mesas debe ser  como mínimo de 2 metros.

A Xunta de Galicia pode  modificar, no ámbito territorial de Galicia,  o aforo establecido, nunca inferior ao 50% nin superior a dous terzos do aforo máximo. Tamén terá a competencia de modificar o aforo das terrazas, sempre que non sexa inferior ao  50% nin superior ao 75%

Todos  os establecementos deben cumprir coas normas de hixiene, entre outras, poñer a disposición da clientela xel hidroalcólico, limpeza e desinfección do equipamento entre un cliente e outro, evitar o uso de cartas de uso común e outras.

Os hoteis e aloxamentos turísticos  tamén aumentan o seu aforo ao 50  % nesta nova fase 3, incluídas as  zonas comúns.

Como novidade, o BOE deste sábado 6 de xuño modifica  a norma e establece que  pubs e discotecas  poderán abrir, sempre sen zonas de baile.

Locais comerciais

Os establecementos comerciais poden utilizar o 50% do seu aforo sempre que poidan manter a distancia interpersoal de 2 metros, de non ser así , só  poderá accceder ao local unha persoa de cada vez

Centros comerciais
Levántase a prohibición de utilización das zonas comúns e zonas recreativas dos centros comerciais. O aforo estará limitado ao 50% e a distancia de seguridade manterase en dous metros. A limitación do 50% do aforo afecta tamén ás tendas e establecementos dentro do propio centro comercial.

Feiras e feiróns

A Moeche aféctalle directamente o establecidoaapra as feiras. Na fase 3  a feira poderase  celebrar co 50% dos  postos habituais autorizados, sempre cunha distancia  lateral e frontal marcada pola normativa e coa prohibición expresa de manipular o produto por parte da clientela.

A primeira feira que se celebrar de novo en Moeche será a do 11 de xuño, aínda que adaptada ás fortes restricións  establecidas pola normativa tanto estatal como autonómica. Nos próximos días ofreceremos a información detallada.

Residencia e centros de día

Os centros de día para maiores  tampouco abren  nesta fase 3 en Galicia; seguirán pechados  ata nova orde da Xunta de Galicia.

Nas residencias de maiores as visitas só se permiten con cia previa e limitadas a unha persoa por residente e con todas as medidas de hixiene e precaución.

Contacto social: vodas, velorios, cerimonias, etc

Aumenta o número de persoas que poden participar nestes actos durante a fase 3, sempre en referencia a persoas non vulnerables nin con patoloxías previas.

  • Nos enterramentos e cremacións pode asistir un total de 50 persoas, incluído o oficiante, mantendo as distancias interpersoais  de seguridade (2 metros) e cumprindo coas normas sanitarias.
  • Os velorios teñen un límite de 25 persoas se se celebran en espazos pechados, e de 50 persoas se son ao aire libre,
  • Cerimonias relixiosas poden cubrir ata un 75% do aforo do templo e cumprindo as medidas de hixiene e distanciamento social.  O mesmo aforo se establece para as vodas civís ou relixiosas, bautizos e comuñóns, en recintos públicos ou privados, abertos ou pechados. Cun máximo de 150 persoas se teñen lugar no exterior , e de 75 participantes se son no interior.
  • As igrexas ou lugares de culto deben publicar en lugar visible o seu aforo e deberán cumprir as medidas de seguridade, mesmo facilitando xel hidroalcólico.

No traballo
Na Fase 3  establécese xa o aumento do traballo presencial -malia ser prioritario o teletraballo se é posible-  con protocolos de reincorporación presencial ás empresas, establecendo horarios graduados e potenciando as medidas de conciliación– Non  se permite fichar por pegada dactilar e  recoméndase evitar o uso do ascensor.

Espectáculos, actividades culturais e biblioteca

  • Na fase 3 as bibliotecas poden abrir ocupando ata o 50% do seu aforo. A Biblioteca municipal abriu o pasado 1 de xuño, en horario de mañá, cumprindo co protocolo achegado pola Xunta de Galicia.  Nos meses de xullo e agosto a biblioteca municipal acollerá de novo o Obradoiro  de memoria.
  • Os espectáculos ao aire libre poderán levar a cabo cun máximo de 800 espectadores, o dobre dos permitidos na fase 2. As persoas asistentes deben permanecer sentadas e respectar a distancia social de dous metros. Os espectáculos en espazos pechados teñen un límite de 80 persoas participantes.
  • Os locais municipais  seguen pechados ao público e só se permite o seu uso para actividades  municipais a porta pechada ou para as actividades das entidades veciñais ou culturais do municipio que, en todo caso, deberán solicitar  autorización previamente ao Concello e cumprindo todas as medidas de seguridade.
  • O Castelo de Moeche abrirá as súas portas ao público o vindeiro 20 de xuño cunha normas de acceso que se publicarán en breve, cumprindo co protocolo de museos e centros de interpretación.
  • As actividades de tempo libre ou lecer dirixidas aos máis pequenos tamén  están reguladas no  BOE e agardarase polas indicacións que estableza a Xunta de Galicia.   Moeche ofrecerá o campamento de verán, Sementeira, no mes de agosto, e recuperará xa en xullo as actividades máis habituais de verán para maiores e menores.
  • O BOE  establece  a autorización para o turismo activo e de natureza e o baño na praia, en condicións de seguridade e distanciamento. Moeche ofrecerá nos meses de xullo e agosto as rutas xeolóxicas co número de participantes habitual xa que entra dentro dos límites establecidos pola normativa.

Actividades deportiva, parque biosaudable, piscina…

Os espectáculos e as actividades deportivas en espazos pechados autorízanse pero só para practicar deportes nos que non exista contacto ou cando  o risco de contaxio sexa moderado. Poderán celebrarse partidos cun máximo dun terzo do aforo, garantindo sempre a separación de seguridade entre os espectadores así como as actividades deportivas ao aire libre. Poderase ir ao ximnasio cun aforo máximo dun terzo e sen utilizar os vestiarios. No que atinxe ao fútbol en categorías estatais, non haberá espectadores ata que todos os territorios en España cheguen á Fase 3.

  • Como xa se adiantou hai días, desde o Concello está previsto, se todo segue avanzando positivamente, abrir a piscina municipal  no mes de xullo, con novas normas que adapten o servizo á situación, con aforo limitado e limitacións do uso de determinados espazos da instalación.
  • O parque biosaudable instalado nos xardíns da Casa do Concello tamén se poderá utilzar a partir do 1 de xullo, unha vez que rematen as obras de mantemento e mellora que se están a realizar estes días. Acollerá o curso  de mantemento fisico ao aire libre durante os meses de xullo e agosto.
  • Ofreceranse os habituais cursos de natación para persoas adultas e para menores, sempre en grupos reducidos.

Nos próximos días  informarase da actividade deportiva de verán así como da  nova actividade do obradoiro de memoria.