Esta fin de semana  volve animada coa festa parroquial de Santa Cruz o sábado e domingo, pero hai máis onde elixir,  pódese pasar un agradable mañá no Mercado, participar na xeoruta do Toelo ou sair de excursión coa A.VV. de Labacengos.

Santa Cruz celebra as festas parroquiais esta fin de semana. O sábado con sesión vermú e  música á noitiña. Aínda que o sábado hai moito onde elixir, o domingo volvemos a  ter sesion vermú para podermos botar unha peza.

O sábado xa pola mañá abre, como é habitual, o Mercado cos produtos habituais, naturais, ecolóxicos e locais,  ademais de flores e agasallos, e aos que se suma de novo A Castrexa, con zumes e marmeladas ecolóxicas, embutidos e carne curada  de calidade.

E quen queira coñecer ben a riqueza xeolóxica do noso municipio, pode participar na xeoruta do toelo  Achegarase de primeira man un dos materiais ornamentais máis exclusivos que temos en Galicia: as serpentinitas ou toelo. Estas rochas, cunha fermosa cor verde, foron obxecto de explotación dende o século XIX en numerosas canteiras do concello de Moeche. Algunhas destas explotacións e os produtos finais do seu traballo (cruceiros, linteis, hórreos, escaleiras, etc.) poderán visitarse e contemplarse nesta xeoruta.  O trazado é de dificultade baixa sobre unha distancia duns 3 quilómetros que se fan en arredor de dúas horas e media seguindo as explicacións do xeólogo Fran Canosa. O prezo da actividade -aberta a todas as idades- son 6€ nos que vai incluído o seguro.  E se neste día 13 non se chega a tempo, aínda quedan máis datas para as xeorutas.

Información e inscricións: rutasxeoloxicasdegalicia.blogspot.com

información: Páxina web municipal

Mais non acaba aquí o conto, hai excursión coa A.VV. de Labacengos, un visita ás Fragas do Eume, ao Mosteiro de Caaveiro, e á cidade da Coruña , con visita ao Aquarium Finisterrae.

E se a calor aperta moito, que parece que vai ser así, temos a piscina municipal e a sombra da área recreativa de Souto Grande.