Fin de semana marcada polo espírito deportivo en Moeche. O sábado 25 de maio contaremos co 36º Rally Cidade de Narón  por un lado, e co Campionato de Touchtennis por outro. Neste último participa parte da rapazada das escolas deportivas municipais e desenvolverase no pavillón  polideportivo. Ademais da rapazada do Concello de Moeche,  tomarán parte nenos e nenas de diferentes concellos, como Miño, Rábade, Foz, As Pontes, etc.

Campionato de Touchtennis
Na mañá deste próximo sábado, 25 de maio, tócalle ao Concello de Moeche acoller no polideportivo municipal a cita do Circuíto entre Escolas de Touchtennis. Nesta xornada participarán máis de 50 rapazas e rapaces de diferentes concellos: As Pontes, Miño, Foz , Rábade,,Moeche, etc. O campionato de Escolas de TouchTennis botou a andar no pasado mes de febreiro percorrendo distintos concellos e agora, como aconteceu no 2023,  fai parada en Moeche.

A escola modestina conta con preto de 20 nenas e nenos que tamén participarán este sábado. A rapazada participante recibirá o correspondente avituallamento así como premios de participación.

36ª edición do Rally Cidade de Narón
Tamén na mañá do sábado 25 o 36º Rally Cidade de Narón – puntuable para a  Copa de España de Rallyes de Asfalto – pasará de novo polo noso concello, cun percorrido que transcorre por diferentes puntos da comarca.

O trazado que afecta a Moeche denomínase “TC1-3 As Barbelas” e permanecerá pechado entre as 07.11h e aproximadamente as 12.42h. Entre pasada e pasada o tramo non abrirá e, nese sentido, a organización informa que se abrirá o tránsito de ser imprescindible, e non haber vía alternativa, por razón de urxencia. O teléfono ao que se debe chamar neses casos é o 633 388 020.

Para obter información máis detallada premer neste enlace Rallye Cidade de Narón

Normas de seguridade
Coma sempre, tanto a organización do evento como o Concello de Moeche lembran a necesidade de que, polo ben de todas as persoas que asisten ou que participan, se cumpran estritamente as norma de seguridade e teñan precaución nos espazos que se escollan para ver o paso dos vehículos, situándose mellor en espazos elevados, sempre detrás das cintas amarelas de delimitación de zona de público e, sobre todo, atender as normas e indicacións do persoal de organización.