Moeche acolle esta longa fin de semana unha ampla variedade de eventos e actividades: festas parroquiais en Abade, ruta xeolóxicas -a do toelo e a da Mina Piquito – música no castelo para pechar a exposición Febre, tras case un mes de presenza na fortaleza, e o habitual mercado local da mañá dos sábados.

Rutas xeolóxicas: toelo e Mina Piquito

A primeira das rutas xeolóxicas desta prolongada fin de semana será a ruta do toelo, o xoves 25, ás 10 horas. Nesta visita guiada poderá coñecerse de primeira man un dos materiais ornamentais máis exclusivos que temos en Galicia, as serpentinitas ou toelo. Estas rochas, cunha fermosa cor verde, foron obxecto de explotación dende o século XIX en numerosas canteiras do concello de Moeche. Algunhas destas explotacións e os produtos finais do seu traballo (cruceiros, linteis, hórreos, escaleiras, etc.) poderán visitarse e contemplarse nesta xeorruta.

O percorrido ten unha dificultade baixa, aínda que é aconsellable levar un calzado cómodo. O desprazamento entre as distintas paradas realizarase en coches particulares. Posteriormente farase unha visita guiada ás instalacións do Castelo cunha duración de 30 minutos e ofrece 25 prazas

Outra das opcións é a a ruta no interior da Mina Piquito. Á mina, situada en Santa Cruz, poderá entrarse con reserva previa (10€ por persoa) na tarde do domingo 28 en dúas quendas: unha de 10.00 a 11:30h e outra de 12.00 a 13:30h. As prazas ofertadas son 10 en cada quenda.

Polo seu estado de conservación e polos fenómenos que se observan nas súas galerías, Mina Piquito é probablemente un dos espeleotemas máis rechamantes do noroeste peninsular. Nas galerías aínda hai restos da actividade mineira -vías, trabes, etc.- pero o que máis destacan son as estalagmitas e estalactitas de azuis e verdes de grande viveza que se foron formando desde que se clausurou a mina.

Información e reserva para as xeorutas en Xeoparque Cabo Ortegal

Festas Parroquiais en Abade

A parroquia de Abade celebra as festas patronais o xoves 25 e o venres 26 de xullo. Da man da Comisión de Festas, Abade contará con sesión vermú e  música  á noitiña  os dous días, o 25 e do 26 de xullo. Na xornada do 25 a sesión vermú, a partir das 13.30, estará amenizada pola Orquestra Channel, quen repetirá á noite xunto coa Dúo D`Caché. E o venres 26, será o Grupo Aché quen anime a sesión vermú, a partir das 13.30 h, e á noite, a partir das 22.30 h , estará acompañado co Dúo Venus para pechar as festas parroquiais de Abade, agardando xa polas próximas no mes de setembro.

Peche de exposición con música no Castelo

A clausura da exposición Febre, de Likemarmota, virá acompañada da actuación do grupo ferrolán Quant – Óscar Quanta e Alberto Amigo- e do cantautor El Flop., actividades ofrecidas polo autor, Likemarmota. A actuación e peche, aberta ao público, tera lugar o domingo 28 de xullo ás 12.00h no Castelo de Moeche.

Mercado local

Como é habitual,  na maña do sábado  pódese facer a compra de bos produtos locais, de calidade, no Mercado do recinto feiral- pan, doces,  biscoitos, froita, queixo, verdura,  legumes, noces, plantas, etc- e aproveitar para  compartir conversa, descansar e tomar algo no bar do Mercado.