A Casa do Concello acolleu o pasado venres a sinatura do convenio de colaboración coa entidade A.C.D.R Moeche. A alcaldesa, Beatriz Bascoy, e o presidente da Asociación Cultural, Deportiva e Recreativa Moeche, Roberto González Lamigueiro, asinaron o venres 29 de outubro o acordo de colaboración para o desenvolvemento das actividades e obrigas propias da entidade e, nomeadamente, para os gastos que orixinan as tarefas de mantemento e coidado do campo de xogo.

O convenio de colaboración entre o Concello e a A.C.D.R. Moeche establece unha achega de 3000,00 euros – tal e como se recolleu nas bases do orzamento de 2021 no marco da situación  sanitaria orixinada polo COVID 19- para colaborar nos gastos de mantemento do campo de fútbol, ademais do compromiso do Concello de se facer cargo da subministración de material (fertilizantes e outros), así como o aboamento dos gastos de luz e auga das instalacións.

A Asociación C.D.R. Moeche asume, entre outras, a obriga de realizar as labores de mantemento e coidado do campo de xogo, da limpeza das instalacións utilizadas e o seu exterior, de inserir o logo oficial do Concello de Moeche en toda a publicidade e anuncios da participación da A.C.D.R. Moeche na competición federada, así como o compromiso de que a publicidade, anuncios e calquera outro elemento deste tipo, oral ou escrito derivado deste convenio deberá ser emitido ou redactado en lingua galega.

O pagamento da axuda farase efectiva tras a xustificación e presentación das correspondentes facturas da realización das actividades comprendidas no presente convenio por parte da asociación.

A alcaldesa e o presidente da entidade concordaron na necesidade de manter este convenio de cara á proxima tempada, malia o incremento que supón nas liñas de axuda e colaboración con entidades o recente compromiso adquirido polo Concello dun novo convenio coa Escola de Futbol Irmandños para o ano  2022 .

Outras axudas ao fútbol

Hai escasas semanas a Xunta de Goberno Local asignou unha axuda  de 1.397,15 euros á Escola de Fútbol Irmandiños. A nova escola agrupa o fútbol de base de Moeche, San Sadurniño, Cerdido e As Somozas e concorreu este ano á convocatoria de concorrencia competitiva para entidades asociativas.

No ano 2022 está previsto asinar con ela un convenio nominativo por valor de 2.500 euros nos mesmos termos que os subscritos cos demais concellos. Neste sentido Moeche contribuirá ao proxecto coa mesma cantidade que Cerdido, mentres que San Sadurniño e As Somozas -con máis poboación e orzamento municipal- colaborarán con 6.500 euros cada un.