Galicia nun ferrado é o título do panel informativo que este sábado, co gallo do Día Mundial do Medio Ambiente, se instalou na parcela situada ao pé do castelo que acolle 37 arbores, que recolle practicamente cada especie autóctona silvestre de Galicia converténdoa nun espazo público único. Desde o panel podemos coñecer o nome de cada un dos exemplares na nosa lingua, coa súa versión en latín e en castelán, e ir orientándonos para coñecer as distintas especies silvestres autóctonas, desde o estripeiro, o gregoriño ou o capudre ata os máis comúns, o castiñeiro ou o carballo, ou tamén o acereiro, a aciñeira ou o rebolo, e así ata 37 árbores.

Desde hai meses o espazo situado ao pé do castelo, próximo ao adro de San Xurxo, foi acollendo árbores de diferentes especies autóctonas silvestres facendo realidade o proxecto que impulsou o noso veciño Jose Manuel Pita, coa colaboración do Concello, desde as concellerías de Cultura e de Medio Ambiente, así como de membros da A.VV. O Val de Moeche. Un proxecto que abre as portas ao coñecemento do noso patrimonio natural e,xa que logo, á nosa historia.

A variedade e cantidade de plantas por unidade de superficie que podemos atopar nas fragas atlánticas tan só se ve superada polas selvas ecuatoriais. Apenas aproveitamos esta diversidade, Este espazo temático, como unha pequena representación desa biodiversidade, tenta espertar o interese e inquedanzas polas nosas árbores e ser unha chamada ao respecto, protección e conservación delas e do medio natural.

As persoas que se acheguen ao Castelo ou que visiten Moeche, nomeadamente as excusións escolares, poderán ollar nun pequeno terreo todas as especies silvestres propias de Galicia neste recanto.

Cunha rápida e áxil visualización, podemos coñecer as características das distintas especies e establecer diferenzas entre elas. As árbores aquí plantadas presentan habitualmente porte arbóreo. Unhas, nun grupo de 24, son propias do clima oceánico atlántico costeiro (provincias da Coruña e Pontevedra e da Mariña lucense); outras pertencen á variedade oceánico- atlántica subtropicalizada ou mediterránea (zona de confluencia do Miño-Sil, Serra da Enciña, da Lastra e arredores). As restantes, situadas cara ao Sur veñen das en zonas medias e altas do interior das provincias de Lugo e Ourense. Coa excepción do piñeiro e da nogueira, presentes en todo o territorio galego.

Nunha segunda fase , cada árbore contará co seu panel informativo individualizado asi como con sistemas de coñecemento  lúdico do espazo para a rapazada.