Publicación na Plataforma de Contratos do Estado da licitación da execución  do proxecto de Mellora de areas de lecer  e equipamentos que se  desenvolverá  nas  proximidades da área recreativa de Soutogrande e do local social do Pereiro, situados na  parroquia de San Xurxo. Este proxecto executarase con cargo aos  fondos remanentes do Plan de Medio Ambiente (PMA) da Deputación da Coruña, é dicir, das baixas obtidas nas licitacións dos proxectos executados no 2017 no concello de Moeche con cargo ao PMA. O importe da licitación é de 11.165,00€ e o prazo de presentación de ofertas remata o 1 de abril de 2019 ás 23:59 horas.

Na área  recreativa de Souto Grande situase a piscina municipal e unha zona de bancos, xogos infantís  e grellas que, ademais, ao longo do verán acolle actividades como proxeccións de cine ao aire libre, xogos populares… Todo isto fai que sexa unha zona cunha alta  afluencia de visitas  en época estival.  Executarase o acondicionamento dunha zona de aparcadoiro, configurada de xeito compatible coa fraxilidade ambiental do ámbito,  na parcela de titularidade municipal situada ao seu carón  que foi adquirida polo Concello de Moeche no ano 2017 para este fin.

A actuación centrarase, entre outros aspectos,  na colocación dun peche de madeira de piñeiro tratada para evitar o acceso de vehículos incontrolado na parte frontal e cara a parte posterior da parcela tamén se colocará un tramo de valo de madeira para limitar o acceso dos vehículos ás proximidades do río, deixando tan só un acceso previsto para labores de roza e mantemento da parcela. Así mesmo, plantaranse varias especies arbóreas autóctonas como loureiros, sabugueiros e abeleiras.

No terreo situado na parte de atrás do local social  do Pereiro, de propiedade municipal, acondicionarase unha zona de lecer ao pé do río. Reducirase a altura do peche existente nos lindeiros laterais da parcela e eliminarase  o desnivel do acceso coa execución dunha rampla de terra e un tramo de escaleiras executado con travesas de madeira. A delimitación do acceso desde o aparcamento  comprenderá un macizo de breixo e a nova zona  equiparase con mesas e bancos de madeira.

Para acceder ao enlace da licitación, premer aquí:   Mellora das áreas de lecer