Moeche publica na Plataforma de Contratación del Estado a segunda contratación das catro requiridas para a construción do Centro de dinamización económica e social Rural TiC. Licítase a redacción do proxecto básico e de execución, a dirección facultativa e coordinación de seguridade e saúde das obras por importe de 68.123,00 euros e un prazo de realización de tres meses. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 11 de decembro de 2024, ás 23.59 horas.
O Concello de Moeche conseguiu obter unha subvención do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico por un importe de 1.123.553,43 euros para a rehabilitación e posta en marcha dun novo espazo que transformará a “Antiga nave do gando” nun Centro de dinamización económica e social Rural Tic para a dinamización das PEMES e das asociacións locais e comarcais, contribuíndo á transformación dixital da economía da sociedade da zona, así como a diminución da brecha dixital entre mulleres e homes e a xeración de emprego.
Tras superar as fases e requisitos dos procedementos dos fondos europeos xestionados a través do Instituto de Transición Xusta, coas plataformas COFFE e Minerva, asi como os informes de control a través da Deputación da Coruña, o Concello publica a licitación a redacción dos proxectos básicos e de execución para a realización das obras do Centro de dinamización económica e social, así coma a realización dos traballos de dirección facultativa e coordinación de seguridade e saúde das obras resultantes daquel, co fin de garantir a súa correcta execución de conformidade co proxecto redactado, na calidade, prezo e prazo que se fixe contractualmente coa empresa contratista, así como dar cumprimento á lexislación e normativa vixente tanto en materia de construción coma de prevención de riscos laborais.
Para atender a execución da referida obra é preciso levar a cabo,pois, a contratación das tarefas de redacción do proxecto de obras básico e de execución que ser deberá basear no anteproxecto presentado á subvención, así como a dirección facultativa das obras e coordinación de seguridade e saúde.
Orzamento base de licitación: 68.123,00 euros (56.300,00 euros + 11.823,00 euros en concepto de IVE).
O proxecto financiarase coa subvención outorgada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica
e o Reto Demográfico por un importe de 1.123.553,43 euros.
Para presentación de oferta ata o 11/12/2024 ás 23.59 h
Últimos comentarios