Tras rematar o proceso das correspondentes expropiacións e a adecuacion aos requirimentos da Dirección Xeral de Patrimonio, o proxecto presentado polo Concello Moeche á  Deputación da Coruña sae a licitación por 259.141 euros. As obras de ampliación e mellora da seguridade viaria na DP 4901 San Ramón-As Somozas desenvólvense entre os puntos quilométricos 1+000 e 1+780, no tramo do lugar de Casabranca. As empresas poden presentar as súas ofertas ata o 24 de maio. O prazo de execución será de seis meses a partir do inicio das obras.

O proxecto suporá a ampliación deste tramo da calzada, que actualmente conta cunha plataforma de só 4,2 metros de ancho, ata os 6 metros e a construción dunha senda de 2 metros de ancho na marxe esquerda que contribuirá a mellorar a seguridade peonil na zona.

Esta  obras xorden da solicitude do Concello á Deputación para a mellora desta estrada e a súa posterior transferencia da titularidade ao propio Concello e enmárcanse na aposta do Goberno municipal por avanzar na construción de beirarrúas ou sendas peonís, que permiten o desprazamento a pé con seguridade entre os dous núcleos de poboación, Balocos e San Ramón”. O Concello encargou un proxecto que lle presentou ao ente provincial  para a execución da obra co obxectivo, indica a alcaldesa, de que  “pase a mans do Concello así que estea amañada e facilite os trámites para o Concello e tamén para os veciños e veciñas da zona”.

O proxecto cifrouse inicialmente  en 265.558,77 euros, cun orzamento para expropiacións doutros 12.415,20€. Estas contías víronse modificadas debido ás adaptacións que cumpriu facer no proxecto para acomodar as esixencias da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, posto que unha parte do trazado está afectado polos restos do castro da Casabranca, así como a consecuente actualización dos cálculos das expropiacións.  O orzamento definitivo quedou, polo tanto,  para a execución da obra en 259.141 euros  e 12.415,20€ a maiores para resarcir aos propietarios afectados polo ancheado e a construción das beiravías.

As obras ,  a un quilómetro do núcleo de San Ramón (Moeche), onde se sitúan numerosos servizos públicos como a Casa do Concello ou o centro de saúde da localidade,  consistirán na ampliación da sección da calzada cunha base de lastro e grava sobre a que se aplicarán 6 cm de mestura bituminosa en quente e rego asfáltico para a mellora a adherencia dos vehículos.

A senda, de dous metros de ancho, discorrerá elevada sobre a marxe esquerda da vía e executarase en formigón coloreado con bordo exterior.

A rede de recollida de pluviais resolverase cunha canalización en PVC de 315 mm de diámetro baixo a senda, con rede se sumidoiros. Inclúese tamén canalización para instalación da rede de iluminación pública e renovación da sinalización horizontal e vertical.