O ano pasado probouse a adiantar a Feira da Faba para o mes de outubro e facela coincidir con sábado de mercado -as dúas primeiras edicións cadraron en día de feira- e a cousa funcionou moi ben tanto en vendas como en público. Neste 2019 o evento volve repetir estratexia, coa que agarda seguir promocionando as posibilidades deste cultivo como parte dun sector primario máis diversificado. O sábado 19 de outubro xuntaranse na nave dos tecidos de Moeche ducias de expositores con produto da máxima calidade, e non só para vender faba, senón tamén para ofrecer outros alimentos frescos e transformados ou artesanía. A feira rodearase ademais de propostas paralelas como unha exposición sobre o traxe galego, obradoiros para a rapazada e un espectáculo de iniciación ao baile tradicional. Sobra dicir que tamén haberá degustación de fabada a prezos populares.

A IV Feira da Faba de Moeche comezará sobre as 10 da mañá coa apertura dos postos no interior dunha nave do mercado que, como adoita ocorrer nas grandes citas, aproveitará todo o longo das instalacións para acoller a oferta de legume, pero tamén a dos expositores habituais dos sábados.

Confirmaron xa asistencia produtores e produtoras de dentro e fóra de Moeche, como as agrupadas na cooperativa Terras da Mariña -especializada na variedade con IXP de Lourenzá e na verdina-, Fabas O Castelo, Legumes e fabas Sanjurjo e Acastrexa -coa súa tradicional faba de ril-, a quen seguramente se unirán nos próximos días algúns postos máis da nosa zona. Haberá cantidade e variedade suficiente para mercar malia que este ano semella que non vai destacar por grandes producións, aínda que si pola calidade do froito.

O Consello regulador da IXP Faba de Lourenzá -entidade que acredita a orixe e trazabilidade dese produto do norte de Lugo- agarda que a partir deste outono se comercialicen arredor de 12 toneladas de legume certificado e que os prezos en orixe anden entre os 6,50 e 7,50€ por quilo, dependendo das calidades. A tendencia en canto a producións e características da faba -outra cousa é o prezo- parece que se replicará tamén na nosa zona. Os fabais que agora se están apañando para debagalos non están tan vizosos coma outros anos pero, en xeral, os bagullos veñen cheíños e con faba limpa.

En resume, o 19 de outubro en Moeche vai haber moita e boa faba rodeada de máis cousas: pan e doces das panaderías da zona, chocolates traídos desde Ribadeo por Bombones Moreno, mel e produtos apícolas da Casa do Mel de Goente, queixos de aquí e tamén da zona de San Simón da Costa (da Queixaría Prestes), chacinas ancareñas comercializadas por Embutidos Suarna, etc. Canda o alimento, o recinto tamén reserva espazo para a artesanía das Lolas da Cascarilla -bonecas feitas con plana de millo-, para os artigos de coiro elaborados por Ana y Marcus, as bolsas e cestos de Stela ou a bixutería que atoparemos no posto de Bypi Artesanía.

E todo vestido cun programa paralelo que prevé outras actividades. Así, ás 11.30h. desenvolverase un obradoiro de maxia e malabares para a rapazada conducido por La GuaGua e, sobre as 12.00h., empezaranse a repartir a sempre gorentosa fabada -3€ ración- elaborada pola AVV Labacengos.

Tamén colabora co evento a AVV Val de Moeche traendo unha exposición de traxes tradicionais galegos da colección da veciña de San Xoán Loli Garrote, socia da entidade. Loli é filla do desaparecido folclorista Gonzalo Garrote, membro do Real Coro Toxos e Froles, do que foi percusionista en tempos de Manuel López Vergara e Constantino Bellón. Garrote foi ademais  director artístico de honra do coro  e fundador en 1968 da agrupación Terra Meiga.

Para as 13.00h. está previsto o comezo do espectáculo “As Armadanzas na punta do pé”, que chega a Moeche da man da Rede Cultural da Deputación da Coruña. As Armadanzas son Mercedes Prieto e Montse Rivera, quen levarán ao público ao mundo do baile tradicional galego-portugués cunha proposta pensada para participar, non para mirar. Con elas aprenderemos puntos básicos desta e da outra banda do Miño animados con historias e contos entre peza e peza. Trátase dun obradoiro ao que poderá sumarse calquera, teña a idade que teña, saiba ou non saiba bailar.

Cando rematen as Armadanzas darase por concluida a IV Feira da Faba de Moeche -14.00h.- co sorteo dun lote de produtos da feira. Esa é a previsión que reflicte o cartaz, aínda que o máis seguro é que o movemento na nave do mercado continúe ata as catro ou cinco da tarde, igual que ocorreu o ano pasado. Por iso, quen pase por alí despois de xantar (para o que se pode aproveitar algún dos restaurantes da zona), seguirá atopando ambiente e, posiblemente, faba para mercar.