A veciñanza interesouse de forma masiva pola iniciativa municipal de poñer á súa disposición dous modelos de azulexo para numerar as súas vivendas e tamén para indicar o lugar onde están asentadas. Máis de 200 persoas pasaron xa polo rexistro municipal para solicitar a súa placa cerámica, nuns casos só co número e noutros, ademais, co nome do lugar. De cara a encargar unha remesa que abarate custos, o Concello deu de prazo ata o próximo 19 de outubro, data na que finalizará a posibilidade de conseguir por tan só 3€ o azulexo coa numeración e por 7€ o identificador da aldea. As reservas poden facerse de forma presencial, chamando ao 981 404 006 ou a través de correo@moeche.gal.

Moeche ten aprobado desde hai tempo o mapa coas denominacións dos rueiros e a numeración de todas as vivendas do municipio. Para facilitarlle o traballo ao servizo a Correos e a outras empresas de reparto é moi importante que todo o mundo faga constar correctamente o seu enderezo en calquera relación postal ou comercial, indicando para iso o lugar, o número da vivenda, a parroquia e o código postal asignados. Aínda que esa información xa se comunicou hai tempo, se calquera persoa esqueceu os datos pode consultalos no Concello en calquera momento.

Ademais disto, tamén é moi conveniente que en todas as casas se coloque o número correspondente ben á vista desde a vía pública -na fachada ou no portal-, coa finalidade de que ao persoal de correos ou das empresas de mensaxería lles sexa doado atopar calquera domicilio.

Para que este proceso sexa máis sinxelo -e para darlle unidade visual a toda a numeración- o Concello deseñou un modelo de azulexo de 15×15 centímetros co número e máis unha placa cerámica de 10×30 centímetros co indicativo de lugar, que poden mercarse xuntos ou por separado de forma totalmente voluntaria. A liña gráfica elixida mostra ambos datos na cor verde corporativa, acompañados ademais do logo do Concello e do trazo do almeado do castelo utilizado en múltiples soportes da comunicación municipal.

A Administración local corre cos custos do deseño e cunha parte dos gastos de produción. Porén, para asegurar que existe un interese real, as persoas que queiran facerse cos azulexos deberán pagar 3€ por cada placa de número e 7€ por cada azulexo de lugar.

Para solicitar calquera deles -ou os dous- hai que pasar polo Rexistro do Concello e indicar alí o nome, o enderezo completo e os azulexos que se queren mercar. Esta solicitude tamén se pode facer a través de correo@moeche.gal ou chamando ao 981 404 006. A data límite para formalizar o pedido é o día 19 de outubro. Cando os azulexos estean feitos comunicaráselle a cada persoa a forma de entrega e de pagamento. O consistorio recibiu até o momento máis de 200 solicitudes.