Todo en marcha para a acoller os mellores queixos  a mellor artesanía alimentaria  nunha xornada de feira  chea de actividades para todas as idades. Trinta e tres queixerías galegas e doutras partes do Estado español confirmaron xa a súa participación na sétima edición da Feira do Queixo de Moeche, que terá lugar o vindeiro día 30 de marzo, desde as 10.00 horas. Ás produtoras queixeiras súmanse 20 postos de alimentación, moitos deles dentro do selo galego de Artesanía Alimentaria.

Esta nova cita da feira manterá no seu programa o Tren do Queixo, para facilitar os  desprazamentos na liña de ferrocarril de vía estreita desde Ferrol, e ofrecerá un variado programa que inclúe catas comentadas, obradoiros infantís, música, visitas ao castelo, maxia e sorteos, entre outras actividades, para ofrecer unha xornada de lecer para todas as idades.

A presentación oficial da feira terá lugar o vindeiro 27 de marzo, coincidindo co Día Mundial do Queixo, e trasladarase nesta ocasión ao Castelo de Moeche. Ao acto de presentación aos medios de comunicación estarán convidados produtores, entidades asociativas e establecementos de hostalería do municipio e do resto da comarca asi como  titulares da explotación  gandeiras de leite do municipio.

Esta nova edición reforza a consolidación desta feira no calendario de eventos gastronómicos galegos, como referente da produción artesá de queixo e da artesanía agroalimentaria, en definitiva dos produtos da máis alta calidade. Ao tempo reflicte a aposta do Concello de Moeche pola potenciación do sector lácteo e polo
queixo en particular, como unha das xoias da produción artesanal da comarca.

Información do programa neste enlace:  Programa VII Feira do Queixo

Tren do queixo Ferrol-Moeche

 Horarios

Saída de Ferrol : 10.45h

Regreso 14.04h, 17.29h, e 19:18h

PROGRAMA VII FEIRA DO QUEIXO DE MOECHE

Domingo 30 de marzo de 2025

10.00h Apertura da feira

11.45h Saída de bus ao castelo

12.00h Cata comentada (carpa actividades)

Obradoiro infantil elaboración queixo (carpa actividades)

13.00h  Música dos Cantaberneiros con “Cantos Tabernarios”

13:10h  Cata comentada (carpa actividades)

Obradoiro infantil de elaboración de flores con folla de millo

13.50h Saída do bus cara á estación de tren

14.15h Sorteos de lotes de produtos da feira

16.30h Saída do bus ao castelo

17.00h Obradoiro infantil elaboración queixo (carpa actividades)

Obradoiro infantil de elaboración de flores con folla de millo (carpa actividades)

17.15h Saída de bus cara á estación de tren

18.20h Sorteos e peche da feira coa Gala de Maxia de Dani García

19:05h Saída do bus cara á estación de tren

Concello de Moeche