A renovación das listas de contratación do Servizo de Axuda no Fogar comeza o seu período o día 1 de febreiro e permanecerá aberta ata o 28 do mesmo mes. Todas as persoas que reúnan os requisitos pode solicitar a incorporación á bolsa e, ao mesmo tempo, aquelas que xa forman parte dela poderán presentar os novos méritos que incrementen a súa puntuación. A normativa pola que se rexe a elaboración da lista está publicada no BOP do 4 de xullo de 2016 e foi modificada no ano 2017 (BOP de 5 de abril de 2017).  A actualización deste 2020 permanecerá aberto desde o día 1 até o día 28 de febreiro.

As listas teñen a finalidade de que o Concello poida contar en todo momento dun número suficiente de persoas cualificadas para cubrir vacacións, permisos e baixas laborais das empregadas do servizo, ou incluso vacantes que poidan producirse.

Os requisitos xerais que se deben cumprir para acceder á bolsa son
– ter nacionalidade española ou dalgún estado membro da Unión Europea, ser cónxuxe de alguén que cumpra estas condicións, ou ter residencia legal en España;
– ter como mínimo 16 anos;
– dispor da titulación requirida;
– ter carné de conducir e dispoñibilidade de vehículo;
– non atoparse nunha situación de enfermidade ou eiva física que impida o desempeño do traballo;
– que non haxa causas de incapacidade ou incompatibilidade legal nin tampouco ningún expediente disciplinario que separe ou inhabilite a persoa para traballar na Administración.

É necesario para formar parte da lista estar en posesión dun dos seguintes certificados profesionais: auxiliar de axuda a domicilio, o de atención sociosanitaria a persoas dependentes ou ben o de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais.

As persoas que queiran formar parte da lista así como as que xa estean nela poden, ademais dos requisitos mínimos, mellorar a súa puntuación total achegando a acreditación de formación complementaria, por experiencia laboral e polo coñecemento do galego.

Todas as condicións deben reunirse no momento de presentar a solicitude, que ha de rexistrarse no Concello acompañada dunha fotocopia compulsada do DNI, dunha copia compulsada do permiso de conducir, da declaración xurada de dispoñibilidade de vehículo, e dunha fotocopia compulsada da documentación acreditativa dos méritos alegados. As persoas que presenten por primeira vez a súa solicitude tamén teñen que achegar o certificado de profesionalidade ou titulación coa que conten.
Prazo para presentar as solicitudes de inscrición na bolsa ou de actualización dos méritos: do 1 ata o 28 de febreiro.

A Comisión de valoración encargada de analizar toda a documentación e de asignar as puntuacións segundo o baremo oficial reunirase unha vez rematado o período de presentación de instancias e posteriormente exporase a lista ao público por se houbese alegación. Resoltas estas, de habelas, as bolsas elevaranse a definitivas, permanecendo en vigor ata o ano que vén. A listaxe publicarase no taboleiros de anuncios e na sede electrónica , na web municipal www.moeche.gal

Información descargable:
Bases xerais  (BOP do 4/7/2016)

Modificación e modelo anexo de solicitude (BOP do 05/04/2017)

Resolución apertura prazo de actualización