A Oficina Agraria Comarcal de Ferrol en colaboración co Concello de Moeche organiza un novo curso  no ámbito do sector forestal e agrogandeiro. O curso -de carácter gratuíto-  ten como título Alternativas ao minifundio forestal e unha duración de 45 horas. Desenvolverase do 27 de xuño ao 9 de xullo, en horario de tarde, no local do C.C. Frco. Piñeiro (Trieiro, Abade).

O programa inclúe contidos sobre a situación do sector forestal en Galicia e sobre a xestión forestal conxunta, ademais de especificidades sobre os determinados cultivos. En relación co castiñeiro, trataranse os tratamentos silvícolas e as canles de venda da castaña, e faranse análises económicas deste tipo de aproveitamento. Respecto das maciñeiras para sidra e dos arandos, tratarase a xestión destas plantacións e tamén os aspectos comerciais de interese. Nese sentido, a formación concluirá con dúas visitas a producións forestais froiteiras co obxectivo de que o alumnado poida comprobar en campo os coñecementos adquiridos

En definitiva, o curso ten como obxectivos ofrecer coñecementos técnicos e profesionais para establecer un aproveitamento de arandos, un aproveitamento de maciñeiras para sidra así como para xestionar un souto destinado ao aproveitamento do froito, ademais de dar a coñecer a importancia do asociacionismo ante os problemas derivados do minifundio.

Impartirase desde o 27 de xuño ao 2 de xullo e unha última xornada o 9 de xullo, cunha duración de 45 horas, a metade delas de carácter teórico e a outra metade de tipo práctico. O horario será de tarde, de luns a venres de 16..00 h a 21.00 h  e os sábados de 09.00 h a 19.00 h.

Contémplase a visita a dúas explotacións, unha primeira xornada para coñecer en campo un modelo de xestión conxunta e  unha produción forestal froiteira (souto); e unha segunda xornada para visitar dúas producións forestais froiteiras (mazá  e arandos).

Inscricións

O curso está dirixido en xeral para calquera persoa interesada e de forma particular para persoas relacionadas profesionalmente coa agricultura, a gandaría, a industria agroalimentaria e o sector forestal ou con expectativas de incorporación, en especial mocidade do rural . As persoas interesadas deben inscribirse obrigadamente descargando aquí a solicitude de asistencia.  Para obter información adicional pódese chamar al teléfono 881 337 044 ou escribir ao enderezo electrónico:   oac.seca.ferrol@xunta.gal