O Concello de Moeche súmase ao convenio de colaboración entre a Universidade de Santiado de Compostela e a FEGAMP relativo á medición de gas radon nos postos de traballo dos concellos galegos. No marco deste convenio, Moeche aprobou o contrato do servizo de medición de niveis co Laboratorio do Radon en Galicia e instalará medidores de radón en varios postos de traballo en edificios municipais.

A lexislación establece para os concellos de zona II a obriga de efectuar medicións de niveis de radon en lugares de traballo situados en sotos e planta baixa. O Concello instalará medidores na Casa do Concello e na oficina do Castelo, co fin de cumprir co requirimento legal. Estas medicións do radon en interior realizaranse durante un período de  3 meses, na tempada de outono -inverno, cando as concentracións de radon poden ser máis altas no interior, tal e como establece a Instrución IS-47 do Consello de Seguridade Nuclear.

Esta entidade  vén de aprobar a listaxe oficial de municipios nos que será obrigatorio medir e controlar a exposición ao gas radon nos centros de traballo. Moeche é un dos 285 concellos galegos que figura na relación de municipios de actuación prioritaria contra o radon, para os efectos do artigo 79 do RPSI e do Plan Estatal contra o Radón. Nas nosas comarcas inclúense en nivel II Moeche, Mañon, Ortigueira , A Capela, Ares, As Pontes, Cabanas, Cariño, Cedeira, Fene, Ferrol, Monfero, Mugardos, Narón, Neda, Pontedeume e Valdoviño; mentres San Sadurniño inclúese no nivel 1 e As Somozas e Cerdido, son,  xunto o concello de Sobrado, os concellos galegos que  non presentan niveis de risco significativos que os obriguen a realizar as medicións.

O radon é un gas radioactivo natural procedente da cadea de desintegración do uranio-238 e está presente na natureza. Polo xeral non provoca niveis de concentracións elevados ao aire libre, pero si se acumula no interior de edificios, sobre todo cando estes teñen solos permeables ou un alto contido de radio-226. É inodoro, incoloro e insípido.