A Xunta de Goberno Local aprobou onte a Addenda ao convenio do servizo de Xantar na Casa que permitirá ofrecerlle o programa a máis persoas, Nos próximos días asinarase o convenio coa Consellería de Política Social, a quen o Concello de Moeche  se dirixiu hai uns meses para solicitar a ampliación deste programa máis alá das urxencias xeradas pola situación sanitaria do COVID 19. Esta ampliación permitirá prestar o servizo a 10 persoas usuarias, fronte ás 5 prazas que habia ata agora, co financiado polo Concello, a Conselleria de Política Social e as persoas usuarias.

Calquera persoa que necesite información ou desexe solicitar a tramitación do servizo de Xantar na Casa pode dirixirse ao departamento de Benestar Social chamando ao 981 404 006, ext. 1 Quen se acolla ao servizo recibirá no seu domicilio sete bandexas diferentes co xantar para cada día da semana por un prezo diario de 1,67€. Cada menú inclúe primeiro prato, segundo prato e sobremesa. Son completos e equilibrados, variados e adaptables ás necesidades das persoas usuarias, aos seus gustos e hábitos así como á gastronomía local e á época do ano. Para entrar no programa hai que cumprir algún dos seguintes requisitos xerais:

  •  Ter máis de 60 anos, atoparse con limitacións en canto á autonomía persoal e non dispor dunha rede de apoio que poida suplir esa situación.
  • Ser unha persoa dependente e non contar con apoio familiar, requirindo ademais axuda para a preparación de alimentos.
  • Ter menos de 60 anos e máis de 18 e atoparse en situación de exclusión social avaliada polos servizos sociais do Concello e sempre que se estea intervindo desde outro programa para resolver as circunstancias de exclusión.

As solicitudes poden facerse no departamento de Benestar Social do Concello en calquera momento a partir de agora. Os informes favorables remitiránselle ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Este organismo será en último caso quen concederá ou non o servizo en función da súa capacidade orzamentaria.

Pódese obter máis información chamando ao Concello -981 404 006- ou pasando pola oficina de Benestar Social, de luns a venres, de 9.00 a 14.00 horas. Neste servizo tamén axudarán a preparar toda a documentación.