A proposta presentada polo Goberno municipal en sesión plenaria este 30 de abril foi aprobada cos votos favorables do grupo municipal do BNG – 5 votos- e a abstención do Grupo Municipal do PP- 1 voto-. O novo orzamento 2025 do que dispón o Concello ascenderá a  3.237.409,28€, ao incorporarlle ao orzamento inicial – 1.933.921,74€, – os investimentos que se financiarán con cargo ao 2025 incluidos no anexo do orzamento. Os eixos do orzamento aos que se destinan o groso dos recursos son os servizos públicos básicos e a area de protección e benestar social, así como os investimentos.

O Goberno municipal presentou, en sesión extraordinaria deste xoves, 30 de abril, un orzamento cuns apartados de ingresos e gastos iniciais por un total de 1.933,921,74€, que se incrementan cos investimentos por importe 1.303.487,54€, de obras financiadas cos fondos europeos e o POS+ adicional de 2024. De xeito que o Concello xestionará cun orzamento inicial de 3.237.409,28€ . Nos próximos meses sumaráselle o importe que achegue a Deputación da Coruña con cargo ao POS+adicional 2025, que o Concello destinará ás obras aprobadas a comezos de ano e a gasto corrente. O orzamento 2025 non contempla á suba de impostos  á veciñanza, máis aló do establecido co IPC, e responde e á liña de esforzo na área de benestar social, apoio ao movemento asociativo e de investimentos en obras, nomeadamente no servizo de auga e vías públicas, así como garantir unha prestación de servizos públicos de calidade, liñas que marcan os orzamentos municipais nos últimos anos.

O orzamento municipal é unha previsión de gastos, pero tamén da capacidade dun concello para xerar ingresos suficientes cos que cubrilos. Ambas cifras deben coincidir e o máximo expoñente da boa xestión é cumprir con esas previsións levando adiante todas as actuacións que se puxeron no papel e polos importes calculados inicialmente. Desde o Executivo local destácase que as contas deste ano de novo parten dunha situación económica de cumprimento da normativa estatal sobre o equilibrio económico e financeiro e niveis de endebedamento.

O documento foi aprobado por maioría absoluta e en palabras da alcaldesa, Beatriz Bascoy,”presentamos un orzamento equilibrado que parte da inxusta realidade do financiamento local e ten como eixos prioritarios as áreas de servizos sociais, persoal e o apartado de investimentos, nomeadamente en continuar na mellora e ampliación da rede de auga e o mantemento da rede viaria aí como sumar as peticións e proxectos suxeridos pola veciñanza, o mantemento dos eventos feirais e incrementa os fondos de apoio ao movemento asociativo” O documento inicial non incluíu o groso dos investimentos pois foron  incorporados a comezos de ano no orzamento prorrogado co obxectivo de poder ir avanzando nas contratacións e  agora incorpóranse unha vez entra en vigor.

Este documento orzamentario de novo reflicte a realidade á que se enfrontan os concellos cun “sistema de financiamento local que en nada dá resposta ás necesidades e competencias municipais, ás que se suman as competencias impropias que estamos a soportar ano tras ano, como é o caso do SAF, un sistema de dependencia competencia da Xunta de Galicia que está a afogar os concellos, ademais de chegar tarde ara as persoas usuarias” tal e como indicou a rexedora local, Beatriz Bascoy.

Neste exercicio 2025 o Capítulo I, de persoal, cunha  suba respecto do ano anterior  cun importe total de 675.30197,89 €, mantendo a liña de prestar os servizos directamente e cumprir coas subas establecidas polo Estado. Destaca a creación dunha praza a xornada completa de auxiliar administrativo. Os gastos en bens correntes e do funcionamento do servizos – luz, auga, combustible, lixo, parcialmente a alarmante suba das taxas de Sogama, servizo de voluminosos e recollida plásticos agrícolas, mantemento da rede de luces pública, saneamento, material, mantemento de vías, mantemento de edificios, naves, escola, servizo de limpeza, campo de fútbol e instalacións deportivas e recreativas, ,etc,- englóbanse no capítulo II que diminúe lixeiramente, co aforro que se agarda no sistema de auga e logo do forte incremento nos dous últimos anos nun 14,12%, e queda fixado en 815.300,00 euros.

Medran así mesmo, os gastos financeiros – xestións e comisións de entidades bancarias. Moeche non ten débeda bancaria na actualidade aínda que mantén vivo o préstamo coa Deputación da Coruña, para o pagamento dos xuros da expropiación do terreos da Casa do Concello e de obras, así como unha liña de tesourería. Esta débeda reduciuse no exercicio 2024 e no inicio do 2025 en 80.132,33€.

O Goberno municipal mantén a súa liña prioritaria de coidado do servizos sociais,  mantendo ou incrementando as achegas a servizos como Xantar na Casa, podoloxía, campamento Sementeira, axudas para os gastos de enerxía eléctrica, CLIA, etc. Aumenta a dotación para transferencias correntes, é dicir, as axudas a asociacións e familias, así como a outras continxencias. Destinaranse a este cometido un total de 57.000 euros, en achegas directas, ás que se suma o aumento en gasto loxístico, cunha contía superior á de 2024 con incremento no convenio co A.C Irmandiños de Moeche e nas axudas ao estudo e transporte para o alumnado. mantendo a liña ascendente desde hai anos.

O capitulo VI, o destinado a investimentos reais, é dicir, a execución de obras acada os 371.423,85 €  e increméntase no orzamento final en 1.530.796,80€ cos investimentos que se foron incorporando xa no orzamento prorrogado con financiamento no  2025; fan un total de 1.864.146,08€ destinados a investimentos. Non se inclúen neste orzamento inicialas os importes do POS +Adicional  que se aprobarán proximamente,Na relación de obras que se van executar figuran varios  proxectos entre os que destacan as actuacións nas cinco parroquias en camiños e vías, a ampliación da rede de auga en más de tres quilómetros, ampliación da rede de saneamento, a nova cuberta do anexo do local do Pereiro, vestiarios do campo de fútbol e o proxecto máis elevado economicamente, o Centro de Desenvolvemento Económico e Social, CEDES no recinto feiral .
Os ingresos para estes investimentos reais proveñen, ademais dos fondos propios do Concello, da Deputación da Coruña principalmente e, en menor medida, da Xunta de Galicia; este ano inclúese a achega do Instituto de Transición Xusta, quen a través dos fondos europeos financia ao 100% do proxecto de remodelación dunha das naves da feira, da que xa se adxudicou a redacción de proxectos e dirección de obra.

Ingresos
No apartado de ingresos do orzamento ffiguran as achegas do Estado, da Adminsitración autonómica, da Deputación da Coruña e outras subvencions e o recadado e impsotos e taxas municiapais. Séguese a liña doutros anos, debido sobre todo a que aínda hoxe se mantén a mesma achega estatal ante a falla de acordo parlamentario para aprobar os orzamentos. A achega da Deputación a través do POS+ – 221.012,72€,- coñécese desde finais do 2024 o que permite planificar os investimentos e o que se reserva para facerlle fronte a un gasto corrente (luz, combustible,) en constante incremento.
En relación co capítulo I, impostos directos, non se produciu a suba dos importes e faise unha estimación de ingresos similar ao exercicio anterior 327.500,00€. Incorpórase o importe do cobro do servizo de saneamento que este ano se estenderá a todos usuarios desligado do recibo da auga.
As transferencias correntes doutras Administracións soben un 3,89% -935.889,33€ e confórmaas principalmente, ademais do POS+, as transferencias da Deputación para servizos sociais, socorrismo, persoal de deportes, do centro de interpretación das revoltas irmandiñas, oficina de turismo, contratación de persoal de obras e servizos, xantar na casa, servizo de podoloxía, feiras, así como as da Xunta de Galia para o convenio de prevención de incendios, fondo de cooperación local e complemento servizos sociocomunitarios.