O Pleno do Concello de Moeche aprobou, en sesión extraordinaria, a proposta do Goberno municipal de inclusión de dous importantes investimentos no Plan Adicional 2 do POS+2025 da Deputación da Coruña, por un importe máis de 97.000 euros, que sumados aos 42.590,64€ destinados á substitución da cuberta do local anexo ao Pereiro, ascenden a un total de 139.759,91 euros, dos que 138.596,77 son asumidos polo ente provincial e os 1.163,14 euros restantes polo concello.
Subministro de equipamentos de sinalización e balizamento
Este primeiro proxecto contempla a adquisición de material de sinalización e balizamento para reforzar a seguridade no recinto feiral de San Ramón, nas rúas próximas e en cruces de baixa visibilidade en San Ramón, Labacengos, Felgosa e O Retorno. Entre os equipamentos destacan 200 valos metálicos peonís, 15 barreiras tipo New Jersey e 24 bolardos de aceiro, que permitirán tanto renovar elementos deteriorados como instalar novos dispositivos en puntos estratéxicos, garantindo a seguridade de veciños e visitantes en eventos como a feira do cabalo e o Slálom, ao tempo que suporá un importante aforro para o Concello, que ata agora tiña que recorrer ao alugueiro ou ao préstamo destes elementos, asumindo ademais o custo e a loxística do transporte.
Ensanche e pavimentación do camiño entre O Retorno e A Senra en Santa Cruz
Nesta obra procederase ao ensanche e pavimentación do camiño entre O Retorno e A Senra, na parroquia de Santa Cruz, nun treito de 900 metros. A actuación inclúe a ampliación do ancho do camiño ata 4,3 metros, renovación da capa de rodadura con aglomerado asfáltico en quente, mellora da drenaxe pluvial, saneo de treitos deteriorados, limpeza de cunetas e pintado da nova sinalización horizontal. Esta intervención permitirá unha maior seguridade, comodidade e mellora das comunicacións na parroquia, así como un incremento da calidade de vida da veciñanza.
A alcaldesa, Beatriz Bascoy, destacou que “estas actuacións responden á necesidade de seguir avanzando no benestar da veciñanza e supoñen un investimento eficiente e preventivo que reforza a organización dos eventos e activiades de Moeche e mellora a rede de camiños municipais, unha prioridade nun territorio rural como o noso”.








Últimos comentarios