A Nave do Mercado de Moeche volveu dar exemplo do seu potencial como punto de encontro para todo tipo de eventos. Demostrouno onte durante a celebración dun Martes de Entroido no que o recinto estivo ateigado de xente durante toda a tarde, convertendo ademais o noso concello en capital das máscaras -sobre todo infantís- procedentes tanto de aquí como tamén  de Cerdido, Cedeira, San Sadurniño, As Somozas… e incluso doutros lugares máis lonxanos.

As actividades comezaron preto das 17.00h. cunha sesión de bailes e xogos con LaGuaGua, empresa que tamén trouxo un obradoiro de carautas, un castelo hinchable e unha grande cama elástica. Foi tamén LaGuaGua quen coordinou o desfile de máscaras. Nel participaron medio cento de nenos e nenas e houbo 15 grupos. Os premios foron para Elías -disfrazado de Bob Esponxa-, para Adrián, que viña de pastor, e para Sara, avezada condutora dun coche de rally.

O mellor na categoría adulta foi, segundo o xurado, o atavío de Diego disfrazado do bíblico Noé -arca e bichería incluída-, mentres que en grupos o premio foi para Os Piratas. Tamén levou agasallo o grupo máis numeroso: a comuna hippie Paz e Amor.

Ao remate do evento, e mentres se degustaba un rico chocolate con churros, a alcaldesa destacou “a grande cantidade de xente que veu pasar con nós este Martes de Entroido”, apuntando que ao éxito da convocatoria contribuíron “o espazo do mercado, que é moi acolledor, e tamén o tempo revolto da tarde”.

Beatriz Bascoy indicou, ademais, que o Entroido modestino “é un referente para o público familiar do noso concello e dos concellos veciños” posto que, asegurou, “veu xente de Cerdido, de Cedeira, de San Sadurniño, das Somozas, de Narón, das Pontes…E nós encantados de que veñan a todos os eventos que se organizan”.

Este sábado, homenaxe a Rosalía da man do CLIA
A próxima cita será este sábado coa celebración do mercado semanal e da homenaxe a Rosalía de Castro preparada polo Consello Local da Infancia e a Adolescencia, quen aproveita a ocasión e o 183º aniversario da escritora para seguir traballando na reivindicación dos dereitos das persoas falantes de linguas minorizadas, como é o caso do galego. Empezarán cunha lectura colectiva de poemas rosalianos dando a posibilidade de que calquera poida sumarse. Logo, aí das 11.45h., levarán a cabo a experiencia “Falando coas nosas maiores”, coa que pretenden estudar e coñecer as diferenzas xeracionais á hora de se relacionar co galego.

O ramo á actividade porallo a “Xincana Rosaliana” na que poderán participar xente miúda e xente adulta en equipos de catro ou cinco persoas. Deberán superar varias probas sobre Rosalía e a lingua galega para conseguir un pequeno agasallo.