A Real Academia Galega decidiu homenaxear nas Letras deste ano 2025 ás cantareiras e, a través delas, á poesía popular oral. Moeche celebrará a festa das Letras e tamén a nosa lingua con varios actos organizados para os próximos días tanto polo Concello como polas entidades veciñais.  A música, os contacontos, os libros e o deporte serán os espazos das actividades do Concello para celebrar a nosa cultura, ao que se unirán as actividades das entidades veciñais.
O Concello comeza o seu programa o domingo 18 de maio coa Andaina pola Lingua, un percorrido polo Val de Moeche desde as 10.30 horas, doado, que ira acompañado do achegamento á toponimia dos lugares polos que transcorre a andaina. Rematará no Castelo, cun evento musical a cargo de Vai Rañala meu, e uns petiscos para coller forzas. Inscricións presencialmente na Casa do Concello, no correo daniel.feijoo@moeche.gal ou no 981404006.
A seguinte fin de semana, o domingo 25 de maio pola mañá -12.00 h- no Castelo , co contacontos Cantareiras, da man do grupo Polo correo do Vento. Dirixido a todos os públicos, permitiranos achegar de forma lúdica e ilustrativa ás mulleres que mantiveron e difundiron a poesía popular oral. Na actividade agasallarase cun libro a cada participante. Esta actividade está financiada pola Área de Lingua da Deputación da Coruña
E xa no mes de xuño, para facer cadrar co peche do curso escolar, o Concello traslada a escola o obradoiro da Xanela do Maxín, “ De Rosalía ás Cantareiras”, unha actividade para o alumnado do CEIP San Ramón que o Concello ofrece coa colaboración da Rede Cultural da Deputación
 
O movemento asociativo de Moeche tamén celebra as Letras Galegas
A Asociación veciñal Val de Moeche ofrece ao longo do mes de maio, no Castelo, unha exposición de cestería, debuxo, cerámica e libros sobre Moeche. Nas salsa do Castelo poden verse varias pezas de cestería, pintura e cerámica saídas dos cursos que a entidade desenvolveu nestes anos. Desde o Concello lémbrase que a veciñanza do municipio pode entrar no recinto en calquera outro momento e completamente de balde co pase anual que se deberá solicitar na casa consistorial.
Como xa se anunciou no cartel das Letras, o pasado domingo, 11 de maio, a partir das 17.00h, no local social do Ventoeiro a A.VV. de Labacengos programou unha pequena homenaxe musical da man do grupo veciñal de pandereiteiras, Desmuiñadas do Ventoeiro.
O venres 16, a partir das 9 da noite, a Asociación Cultural Irmandiños encadra na festa das Letras Galegas a presentación do XLVI Festival Irmandiño cunha foliada aberta ao público, no local social do Pereiro, San Xurxo.
Moeche, maio 2025