Hoxe, 20 de novembro, coincidindo co Día Mundial da Infancia, a Xunta de vocerías do Concello de Moeche aprobou a declaración institucional en defensa dos dereitos de nenos, nenas e adolescentes. Esta data é unha ocasión especial para lembrar que a infancia non é só o futuro, senón tamén o presente, e que debemos garantir que medren en contornas seguras, saudables e participativas.
Na declaración recóllese que “garantir os dereitos da infancia non é só unha obriga legal, senón un imperativo ético. Cada neno e nena merece crecer nun ambiente seguro, saudable, garante dos seus dereitos, impulsor de oportunidades e participativo”. Con estas palabras, o Concello reafirma que a infancia debe ser considerada de maneira prioritaria en todas as decisións que se tomen.
E mañá, 21 de novembro, representantes do Grupo de Participación da Infancia e Adolescencia de Moeche -Irmandiños do 23- acudirán ao Parlamento de Galicia para participar na xornada que organiza xunto con UNICEF. Alí intervirá Adrián, en nome do grupo, compartindo a súa visión e propostas sobre os dereitos da infancia. A delegación de Moeche estará acompañada pola alcaldesa Beatriz Bascoy e Abel Muiño.
Ademais, queremos adiantar que o vindeiro 1 de decembro o CEIP San Ramón celebraremos, como cada ano, o Pleno infantil no concello. A rapazada xa está a preparar os temas que queren tratar e será unha oportunidade magnífica para que expresen as súas ideas e preocupacións, e para que nós, como institución, aprendamos a mirar a realidade tamén cos seus ollos.
En Moeche sabemos que a infancia é un tesouro que debemos coidar entre todos e todas. Por iso, este Día Mundial da Infancia é tamén unha chamada á veciñanza: a escoitar, a apoiar e a participar na construción dunha comunidade máis xusta, inclusiva e protectora. Porque, como recolle a declaración, “protexer e escoitar á infancia, a todas as infancias, en calquera lugar do mundo, é crucial hoxe e mañá”.








Últimos comentarios