O Pleno da Deputación da Coruña aprobou no último pleno -cos votos a favor dos grupos de goberno PSOE e BNG- a concesión dunha subvención nominativa ao Concello de Moeche que permitirá financiar o proxecto de mellora da piscina municipal situada na Área Recreativa de Soutogrande (San Xurxo). Este convenio de colaboración suporá unha achega provincial de 90.542,80 euros o que representa un coeficiente de financiamento do 80% dun total de 113.178,50€.
A actuación inclúe varios traballos moi necesarios para garantir a eficiencia da instalación e a comodidade das persoas usuarias, destacando en especial a impermeabilización do vaso da piscina, que actualmente presenta filtracións de auga. Esta situación dificulta o uso normal da instalación e obriga a intervir con urxencia para evitar perdas de auga e o deterioro estrutural da mesma.
Ademais, renovarase todo o pavimento peonil do perímetro da piscina, que presenta zonas deterioradas. Restaurarase a antiga caseta de aseos situada no lado oeste da piscina para adaptala completamente a persoas con mobilidade reducida, completando deste xeito o proxecto de accesibilidade que se iniciou coa instalación dun elevador hidráulico no vaso da piscina e unha ampla rampla de acceso á área recreativa.
“Eliminar as filtracións que ten agora mesmo o vaso da piscina permitiranos conseguir un aforro importante de auga, ademáis de acometer tamén outras melloras necesarias que levabamos tempo reclamando para seguir avanzando na mellora da accesibilidade e a seguridade nos espazos públicos”, sinala a alcaldesa, Beatriz Bascoy.
O orzamento total da actuación ascende a 113.178,50 euros e o Concello xa conta coas autorizacións correspondentes de Augas de Galicia, polo que o executivo local conta con que a obra poida adxudicarse e executarse nos vindeiros meses e estar lista para a reapertura da tempada 2026.
Coa execución deste proxecto, o Concello de Moeche mellorará de forma significativa unha das principais infraestruturas de lecer do municipio, situada nun espazo natural de gran valor social e ambiental como é a contorna do río Grande de Xubia, río para o que xa solicitamos en Augas de Galicia unha limpeza da canle co fin de evitar perigos.








Últimos comentarios