Se
A concelleira de Desenvolvemento Local, Cristina García Rey, participa na visita a Comunidade Enerxética Transfronteiriza Efiduero, nun encontro que se desenvolve no marco dos obxectivos do Plan de Recuperación , Transformación e Resiliencia da Secretaría Xeral de Fondos Europeos. A Asociación Comunidade Enerxías Renovables de Moeche integra varios veciños e veciñas interesados en sumarse ao proxecto e o propio Concello. A integración do Concello aprobouse en Pleno hai uns meses. A iniciativa impulsada inicialmente polo Concello foise ampliando ata constituír esta asociación, e logo de contar o Concello cun estudo de viabilidade e integrarse no proxecto europeo EC4Rural. O concello é un socio máis e contará cun único voto.
O Concello de Moeche, representado pola concelleira de Desenvolvemento Local, Cristina García, participou nun encontro en Zamora, venres 14 e sábado 15, para coñecer de primeira man o proxecto de Efiduero, cooperativa transfronteiriza de autoconsumo e a maior comunidade enerxética do Estado español, que engloba concellos rurais. A concelleira visitou as intalacións das comunidades enerxéticas en Almaraz de Duero, Villaseco del Pan e de Fermoselle; participou na presentación no Viveiro de Empresas da Cámara de Comercio así como puido comprobar o sistema de autoprodución eléctrica en pequenas empresas.
Este encontro é un paso más para coñecer experiencias exitosas, nestes caso compartida entre concellos de Portugal e de España, en concreto da provincia de Zamora, co fin de aplicar e adaptar ao proxecto da Comunidade Enerxética de Moeche.
Esta mesma semana o Concello recibiu o estudo enerxético e económico da CE de Moeche, realizado pola Universidade de Vigo dentro do proxecto Life EC4RURAL. E na semana entrante o Concello participará na segunda convocatoria para a selección de concello piloto galego no proxecto CELRURAL do que Moeche forma parte.
A iniciativa de chegar a constituír unha comunidade enerxética foi impulsada polo Concello de Moeche co apoio de veciños e veciñas interesadas no proxecto. Foron dándose pasos nestes anos malia a complexidade do proceso – xuntanzas informativas, integración no proxecto europeo Life EC4 Rural, contratación do estudo de viabilidade, subvencionado polo INEGA, e un dos últimos avances, determinante, foi a constitución da Asociación Comunidade Enerxías Renovables Moeche- ACER- integrada por veciños e veciñas e polo propio Concello, que aprobou en Pleno hai uns meses a súa integración na asociación como un membro máis.
Nesa sesión plenaria tamén se acordou a cesión, de ser necesaria, do uso das cubertas das naves do recinto feiral para a instalación das placas fotovoltaicas da comunidade enerxética. A asociación , en colaboración co Concello, presentouse a unha liña de subvencións de carácter estatal para iniciar a instalación da infraestrutura
As comunidades enerxéticas veñen sendo agrupacións de persoas e/ou entidades reunidas de maneira cooperativa para promover o autoabastecemento mediante fontes limpas, principalmente a enerxía solar. Este modelo, de grande difusión nos países nórdicos, está espertando grande interese tamén nos do sur, e máis aínda desde que a factura da luz está polas nubes.
Son entidades de participación aberta e voluntaria co obxectivo de achegar beneficios ambientais, enerxéticos e económicos ás persoas, entidades, empresas e institucións que poden formar parte delas. Neste sentido, o Concello de Moeche é pioneiro na zona encabezando a constitución dunha comunidade que estará aberta á participación de toda a veciñanza interesada e que favorecerá a instalación de paneis fotovoltaicos para autoconsumo.
Segundo as primeiras estimacións, colocar paneis solares pode supor un aforro superior ao 30% na factura eléctrica, aínda que tamén cómpre ter en conta os custes da instalación, para os que existen importantes axudas públicas. Por outra banda, a normativa reguladora do autoconsumo enerxético obriga a ter as placas dentro dun radio máximo de dous quilómetros con respecto aos fogares que se beneficien delas.
Últimos comentarios