O Concello de Moeche colabora coa Consellaría do Medio Rural cedéndolle unha parcela municipal en Portogonzalbo para a construción dun depósito que poida ser utilizado polos servizos de extinción de incendios. A particularidade da obra é que, ademais de valer para motobombas, tamén poderán empregala os helicópteros para encher os seus “bambis”, nome que se lle dá aos baldes de carga rápida que levan pendurados. O punto de captación terá unha capacidade superior aos 100.000 litros e estará abastecido permanentemente polo rego das Mourelas. A elección do sitio por parte do Distrito Forestal obedece á súa localización estratéxica para completar a rede comarcal de hidrantes para medios aéreos, pero tamén ao feito de encontrarse nun val amplo de prados e labradíos que fan máis doadas e seguras as súas manobras. Ademais, a situación do depósito á beira de pistas asfaltadas tamén facilitará a carga de motobombas e outros equipos terrestres.

“O Distrito Forestal cursounos unha solicitude a mediados de agosto para construír esta infraestrutura nunha parcela municipal. Parécenos unha obra de grande utilidade e moi necesaria e por iso o Concello mostrou a súa total disposición para colaborar no proxecto cedendo o uso do terreo”, explicou Beatriz Bascoy.

A alcaldesa incide en que “os incendios forestais son unha das grandes ameazas no rural e todo apunta a que nos vindeiros anos aínda o serán máis por culpa do despoboamento.  Temos que traballar para reverter esa situación, pero tamén debemos estar preparados e contar con todos os medios posibles para actuar de inmediato se se produce un lume”.

A Consellaría do Medio Rural xa comezou os traballos de limpeza do predio de 690 metros de titulariedade municipal onde se construirá o depósito. Encóntrase nunha masa común do lugar de Portogonzalbo, en San Xurxo, na cota máis baixa do rego das Mourelas -de onde collerá a auga- e a escasos metros da pista que enlaza con Requiá. Ademais tamén rozarán unha propiedade lindeira, para o que xa contactaron coa persoa titular.

Segundo informou a consellaría, o depósito aberto terá 8 metros de longo, 7 de largo e 2 metros de profundidade, de modo que poderá almacenar permanentemente algo máis de 100 m3, que veñen sendo, teoricamente, uns 20 abastecementos de motobomba e máis de 150 viaxes de helicóptero equipado con balde de 500 litros. Na actualidade existen 6 puntos de auga repartidos polo territorio de Moeche. Este será o sétimo e o primeiro para o abastecemento aéreo. O Distrito Forestal considera que esta nova localización é “a adecuada para completar a rede do Servizo de Prevención de Incendios Forestais”, que conta con outros catro depósitos similares nun radio de 8 quilómetros.

O investimento na obra -asumido por Medio Rural- estímase en 38.000 euros e desde o Concello axilizarase o trámite da cesión de cara a que os traballos se poidan completar  “no prazo máis breve posible”.