Moeche conmemora o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres con actividades centradas na rapazada e, ao tempo, súmase un ano máis á campaña impulsada desde a Área de Igualdade da Deputación da Coruña “De Fronte á violencia de xénero”, xunto con outras 150 entidades públicas, sociais, empresariais, educativas e sanitarias.
Como cada ano xa está en marcha o concurso de lemas a prol da igualdade e do rexeitamento das violencias machistas organizado polo concello e o CEIP San Ramón. A través destes lemas a rapazada da escola fai visible a urxencia de rematar coa violencia de xénero e súmase á demanda de igualdade. Un xurado elixirá e premiará as tres mellores frases de entre todas as participantes, que estarán expostas na casa do concello.
Teatro ” Planeta LGTBQI” da Trastenda dos Contos
No marco do Circuíto de Cultura en Igualdade impulsado pola Deputación da Coruña, o mércores día 1 de decembro pola mañá, chegará á escola Felipe Díaz “Caxoto” co espectáculo “Planeta LGTBQI”, unha obra dirixida á xente miúda da casa, no que se tratan valores como a igualdade ou a diversidade sexual.
Ese mesmo día, farase a entrega de premios ás gañadoras e gañadores do concurso de lemas, e a entrega de agasallos a todas e todos os participantes.
De Fronte á violencia de xénero
A campaña impulsada desde a Área de Igualdade da Deputación da Coruña “De Fronte á violencia de xénero” con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres está presente estes días e Moeche de novo e faino a través de actividades virtuais, palestras e tamén ao sector da hostalería coa distribución de manteis de papel, con información relevante, adhesivose pulseiras conmemorativas
A campaña, que se foi activando ao longo de todo este mes de novembro, compartiu varias palestras tratando diferentes temas como a violencia vicaria, a violencia de xénero na idade adulta e a necesidade de coordinación e traballo conxunto para facer fronte a esta problemática social.
Actividades para a rapazada
Desde o pasado 15 de novembro tamén está dispoñible unha actividade xuvenil en formato Pensamento visual ou Visual Thinking sobre tratamento e prevención da violencia de xénero, composta por 3 microvídeos que vos deixamos a continuación, onde se abordan conceptos básicos arredor da violencia de xénero de xeito didáctico a través de gráficos con animación, así como unha proposta de Escape Room para traballar en igualdade e de xeito cooperativo.
Vídeo 1. Que é a violencia de xénero? Definición, principais violencias machistas na mocidade con exemplos para identificalas e as consecuencias das mesmas nas mulleres.
Vídeo 2. Dereitos, obrigas e recursos. Efectos da violencia de xénero cara os dereitos das mulleres, as consecuencias de exercela, así como os recursos necesarios para facerlle fronte dende diferentes posicións.
Vídeo 3. Afrontamento e prevención. Cales son as bases que sustentan as violencias machistas e as claves sobre as actitudes e comportamentos que podemos adoptar para atallalas dende a raíz.
Tamén para o público máis novo, entre os días 22 e 29 de novembro, pódese ver en liña o espectáculo musical para público infantil “Martiña Soñadora”
Declaración institucional con motivo do 25N, Día Internacional da eliminación da violencia contra da muller.
Os grupos municipais da Corporación de Moeche consensuaron a seguinte declaración institucional.
Cada 25 de novembro, as concentracións manifestacións e declaracións lémbrannos, non só as consecuencias senón tamén a orixe, as causas e os mecanismos de perpetuación das violencias cara ás mulleres.
A violencia machista ten a súa raíz na situación estrutural de desigualdade que sofren as mulleres nos diferentes ámbitos da vida e susténtase na tradicional repartición de papeis e responsabilidades na sociedade e na familia en función do sexo, que situaba ás mulleres nunha posición subordinada respecto dos homes. A violencia contra as mulleres ademais de ser unha manifestación máis da desigualdade, probablemente a máis grave, é tamén un instrumento de control que axuda a que esta se manteña no tempo.
En ocasións a violencia física, por ser a máis identificable ou perceptible, é a que fai saltar as alarmas, mais o maltrato ás mulleres prodúcese diariamente en case todos os eidos da vida e baixo distintas formas como son a discriminación, vexación, dominio, ameaza, acoso laboral, a violencia obstétrica ou a violencia vicaria -aquela que o maltratador exerce contra as persoas que a muller máis quere, normalmente fillos e fillas, coa intención de xerarlle sufrimento ou sometela.
Tamén as medidas adoptadas como consecuencia da pandemia pola COVID19, en moitos casos agravaron ou agocharon o problema, polo que resulta indispensable que a saída desta crise veña acompañada do fortalecemento dos medios económicos e humanos que permitan dar unha resposta suficiente a esta lacra, e que xuntas traballemos en políticas que nos permitan avanzar cara unha sociedade máis xusta, pacífica, próspera, sostible e, polo tanto, absolutamente incompatible co maltrato á muller.
Foi evidente nestes últimos anos a capacidade de mobilización dos movementos feministas, que lograron que miles de persoas se unisen ás súas reivindicacións, e así as prazas e rúas galegas enchéronse de berros de protesta ante a persistencia das violencias cara ás mulleres e en xestos de solidariedade con aquelas mulleres que enfrontaron estas situacións. Isto é un sinal de que a sociedade está cambiando, e que nós temos que estar á altura das súas demandas.
Por todo o anterior, a Corporación do Concello de Moeche,
Manifesta o seu firme rexeitamento ante calquera expresión de violencia contra as mulleres en todas as súas dimensións.
Traslada o seu apoio a todas as vítimas da violencia machista e ás súas familias e amizades.
Reafirma o seu compromiso de desenvolver, no ámbito das súas competencias, unha política municipal en favor da igualdade e contra as violencias que sofren as mulleres, poñendo especial atención na prevención e sensibilización entre a rapazada.
E invita a toda a veciñanza a sumarse a esta declaración e a participar nos diferentes actos e mobilizacións convocados polo movemento feminista.
Moeche, novembro 2021
Últimos comentarios