A programación con motivo do 8M, Día Internacional da Muller, iniciou no último pleno municipal, onde se aprobou por unanimidade a Declaración Institucional polo día da Muller, e continúa con varios talleres especializados na saúde das mulleres e un espectáculo de narración oral e música da man Vero Rilo.

A primeira cita será o propio 8 de marzo ás 12:30h, cando Vero Rilo e Santi Cribeiro nos acompañarán no Mercado de Moeche con Tralalareira, un espectáculo de narración oral e música para público adulto que nace da boca dunha muller, da señora Isolina, Ai neniña, o que se contaba darredor dun lume, que dicía ela. Esa frase fixo prender a lareira, e que cociñásemos historias de vida, de tradición oral e contos de autor/a xunto con músicas para cantar acompañadas. Esta actividade é de entrada libre, e está financiada a través da Rede Cultural DinamizarTJ de Ciuden para as localidades declaradas de Transición Xusta.

O concello presentou tamén o programa municipal de Benestar, Coidat+, a través do cal a área de Benestar Social pon en marcha un novo obradoiro semanal de Musicoterapia e trae diversas xornadas sobre a saúde para a veciñanza, dedicadas neste mes de marzo, á saúde nas mulleres. Nestas xornadas, impartidas pola matrona da Área Sanitaria da Coruña Paula Sánchez Flores, falarase de temas como a menopausa e osteoporose, a prevención xinecolóxica, factores de risco ou alimentación e exercicio co obxectivo de mellorar a información e comprensión dos cambios evolutivos nas mulleres e así poder previr doenzas propias do colectivo feminino. Estas xornadas celebraranse o vindeiro 18 de marzo no Centro Cívico  Lapatiencos (Labacengos) de 16.30h a 20.30h e o 25 de marzo no Local Social O Pereiro (San Xurxo) no mesmo horario. As inscricións son gratuítas e poden facerse chamando ao 981404006 ou enviando un correo indicando o nome completo, dni e dirección.

Actividades entidades veciñais

Tamén co gallo do Día Internacional da Muller, a Asociación de Veciños de Labacengos celebrará a VI Xuntanza polo Día da Muller, o vindeiro domingo 16 de marzo no Restaurante Brisas de Valdoviño.