Moeche é un dos  27 concellos nas catro provincias que a Xunta de Galicia declarará como zonas vulnerables por nitratos.  Na comarca de Ferrolterra  son tres os concellos obxecto desta declaracion-Valdoviño, San Sadurniño e Moeche-. A pasada semana a Dirección Xeral de Ganadería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, convocou os representantes daqueles municipios que  serán declarados como zonas vulnerables por exceso de nitratos a unha reunión de carácter informativo en relación cunha medida que está a causar preocupación no sector gandeiro. 

A concelleira de Desenvolvemento Local, Cristina García Rey, asistiu en representación do Concello a unha reunión, de carácter informativo,  na que o director xeral, José Balseiros, anunciou esa próxima declaración así como de vindeiras xuntanzas cos sindicatos e coa asociacións de produtores.

A Xunta proxecta crear en Galicia sete zonas vulnerables a nitratos (ZVN)  en base aos resultados das analíticas das aguas superficiais e subterráneas trasladadas polo Ministerio de Transición Ecolóxica para elaborar, segundo o Real decreto 47/2022 o mapa de masas de augas contaminadas por nitratos de orixe agraria e gandeira,  derivado dunha normativa da Comisión Europea.  O decreto citado establece uns máximos de 37,5 miligramos / litro de nitratos en augas subterráneas e de 25 miligramos en augas superficiais. Para os embalses, o criterio é a valoración de se hai eutrofización ou pode chegar a habela.

Este último caso é no que se basea a futura declaración de Moeche, xunto con Valdoviño e San Sadurniño, como zona vulnerable por nitratos, xa que o Ministerio marca como zona afectada o embalse das Forcadas de especial vixilancia. Segundo publicacións realizadas estes días, posto que na reunión non se facilitaron datos das análises nin as razóns concretas das delimitacións das zonas con declaración, o embalse rexistra concentracións de nitróxeno moi por debaixo dos máximos permitidos e, polo tanto, o criterio que se valora é o perigo de eutrofización.

Si detallaron na xuntanza as medidas que desde a Xunta de Galicia propoñen como Administración que ten a competencia, por unha parte, a implementación de plantas de biogás polo territorio, unhas plantas de tratamento de xurros. Esas plantas, segundo indicaron, poderán ter participación privada a título individual dunha ou varias explotacións ou dunha cooperativa ou poden ser público-privadas. E por outra parte, proponse o establecemento dun selo de circularidade para aquelas explotacións que cumpran coas practicas de sostibilidade.

A concelleira, Cristina García, solicitoulle ao director xeral os “datos sobre en que zonas do concello se detectan rexistros que leven a esa declaración, xa que sen esa información os concellos no podemos contrastar nada, asi como que vai supoñer para o sector gandeiro”.
Asi mesmo, a concelleira preguntou se esta nova situación vai acabar “repercutindo na economía e funcións dos Concellos cando non é competencia municipal, como está a ocorrer con outras, como a recollida de plásticos agrícolas suspendida pola Xunta ou as desinfección en cada feira da nave do gado por mor da febre hemorráxica epizoótica do gado vacún, que supoñen un forte gasto para as arcas municipais e sen consideracion por parte da Xunta de Galicia” . Ante isto o director xeral indicou que a reunión era só informativa e que os concellos non terán competencia sobre esta situación e comprometeuse a facilitar a información requirida pola concelleira.

A normativa obriga a que a Xunta de Galicia estableza un plan de actuación trala declaración das zonas vulnerables no que se deberá especificar la normativa de abonado agrario que deberán seguir agricultores e gandeiros. Con carácter xeral, o primeiro ano da Zona Vulnerable permítense 210 Kg de nitróxeno por hectárea e os tres seguintes, 170 Kg. de nitróxeno por hectárea. As zonas avalíanse de novo aos catro anos.

Dado que transcorreu unha semana desde a reunión e non houbo resposta por parte da Dirección Xeral de Medio Rural, a alcaldesa, Beatriz Bascoy, dirixiu un escrito a conselleira de Medio Rural, María José Gómez, no que se reitera que o Concello necesita  coñecer os datos e análises que posúe a Consellería en relación coa declaración de Moeche  e as consecuencias dunha situación que  afecta ao sector agrogandeiro e que, dada a falta de información e  o descoñecemento dos criterios, preocupa; requíre o Concello tamén coñecer cando se terá deseñado o plan de actuación e a normativa que deberán seguir as explotacións agrogandeiras.